CCOO lamenta o falecemento de Xan María Castro, ex-secretario xeral do sindicato e presidente da Fundación 10 de Marzo

por Redacción A Coruña

 O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia lamenta o falecemento aos 78 anos de Xan María Castro Paz. O sindicalista coruñés foi durante oito anos secretario xeral do sindicato e, durante os últimos dez, presidente da Fundación 10 de Marzo. Desde a Comisión Executiva Nacional da organización manifestan o seu “profundo pesar” ante a “irreparable perda dun mestre para moitas xeracións de sindicalistas e protagonista da memoria obreira do pobo galego”.

Unha vida de compromiso

Xan María Castro era natural do barrio coruñés de Monelos, pero levaba anos residindo no concello de Ames, preto de Santiago. Comezou a militar moi novo nas Xuventudes Comunistas no xermolo do que serían as Comisións Obreiras.

En 1967 foi detido por asociación ilícita e propaganda ilegal e volvería coñecer o cárcere tres anos despois tras ser detido nas protestas polo Proceso de Burgos.

Coa legalización dos sindicatos, en 1978 foi elixido secretario xeral de Comisións Obreiras da Coruña. Tres anos despois foi elixido secretario de Organización do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, do que sería secretario xeral entre 2000 e 2009.

Memoria obreira

En outubro dese ano, tras deixar a máxima responsabilidade na organización, máis de 300 persoas rendéronlle unha merecida homenaxe.

No ano 2013, o sindicato e a súa fundación distinguírono co Premio 10 de Marzo pola súa traxectoria. En maio dese ano asumiu a presidencia da Fundación 10 de Marzo de CCOO, á fronte da cal “desempeñou un infatigable labor en defensa da memoria obreira e da importancia do movemento sindical na loita polas liberdades de que hoxe gozamos”, subliña a dirección de CCOO.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario