Presentado o proxecto de rehabilitación integral da casa reitoral de Montemaior (A Laracha)

por Redacción A Coruña

O edificio será transformado nun espazo multifuncional que acollerá actividades e un albergue xuvenil con 25 prazas

O alcalde, José Manuel López Varela, e a vicepresidenta segunda da Xunta de Galicia e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentaron esta mañá o proxecto de rehabilitación integral da casa reitoral de Montemaior, no interior do propio edificio e ante veciños da parroquia que acudiron para interesarse pola actuación que se vai levar a cabo durante os próximos meses.

O histórico inmoble, que se atopa sen actividade desde hai tempo, foi cedido ao Concello polo Arcebispado de Santiago por un período inicial de 29 anos coa fin de ofrecerlle novos usos de interese xeral comunitario. 

O proxecto de rehabilitación está valorado nun total de 712.808,10 euros e financiarase a través do Fondo de Cooperación impulsado pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, consistente nun préstamo sen xuros a devolver nun período de oito anos.

Despois dunha detallada exposición do proxecto por parte da arquitecta Marta López en representación do estudo Naos, encargado da redacción do mesmo, tomou a palabra o alcalde. López Varela explicou os obxectivos que se pretenden coa intervención, consistentes “primeiro en recuperar o patrimonio histórico do Concello” e, en canto aos usos, “que os veciños poidan dispoñer dun punto de encontro no que reunirse e celebrar actividades”, tanto as organizadas polo propio Concello como as promovidas polo tecido asociativo local, “habilitar un centro de referencia para os sectores agrogandeiro e forestal” e “un albergue xuvenil” con capacidade para 25 persoas que permita reforzar os programas de intercambio e voluntariado nos que participa o Concello. O rexedor concluíu a intervención agradecendo á Xunta de Galicia “a colaboración para atender as propostas que se formulan desde o Concello da Laracha”.

Ángeles Vázquez considera que “temos que seguir coidando aquelo que xa está construído, cualificando o proxecto como “unha magnífica idea” polo servizo que o edificio ofrecerá á veciñanza e tamén polo futuro albergue xuvenil, xa que “precisamos xente nova que nos coñeza a través dos programas de intercambio nos que A Laracha é pioneira”. A vicepresidenta da Xunta fixo un chamamento a “poñer en valor o ámbito rural”, a que é precisamente a finalidade destes Fondos de Cooperación que a Consellería habilita “para axudar aos concellos de menos de 50.000 habitantes ofrecendo liquidez, porque son os que teñen menos recursos económicos”.

Segundo avanzou o alcalde, a previsión do Concello é que o proxecto de rehabilitación da casa reitoral de Montemaior saia a licitación antes de final de ano.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario