O delegado territorial, Javier Arias, explica que a Dirección Xeral de Administración Local concedeu máis de 337.000 euros nos tres últimos anos para acondicionar infraestruturas viarias e de saneamento neste municipio
A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achegou 55.600 euros ao Concello de Castroverde para mellorar o saneamento das augas pluviais no lugar de Riomol.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado da actuación, financiada con cargo á liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental deste ano.
A intervención consistiu na execución das obras e instalación dos elementos necesarios para mellorar a evacuación das augas de escorrentía pluvial que discorren pola vía de acceso a este núcleo, canalizándoas cara a rede de saneamento.
Con esta actuación búscase evitar os danos que producen estas aguas nos firmes dos camiños; a derivación ao interior de vivendas e outras construcións; así como o arrastre de materiais cara terreos lindeiros.
Arias afirmou que no período 2020-2023, a Xunta concedeu máis de 337.000 euros que beneficiaron ao Concello de Castroverde ao abeiro das ordes de axudas da Dirección Xeral de Administración Local.
Con estes fondos mellorouse o saneamento e a recollida de augas pluviais en varios núcleos, como Porcín ou Vilacote. Outra parte do investimento destinouse á pavimentación de vías municipais, como as que transcorren entre os núcleos da Meda (Castroverde) e Orizón (Castro de Rei); ou entre Gracián (Castroverde) e Queizán (O Corgo).
Mellora de camiños con cargo ao Plan Marco
Arias subliñou a cooperación da Xunta co Concello de Castroverde a través doutras achegas concedidas este ano para mellorar infraestruturas e impulsar o desenvolvemento económico do municipio. Destacou os 80.100 euros asignados a través do Plan Marco de mellora de Camiños para acondicionar o vial que une Riomol con Furís de Arriba; os accesos a Pereirón, Viladónega e Cellán de Calvos; e o acceso ao núcleo de Vilar de Cas.
Tamén informou da recente concesión de 49.600 euros para reformar o pavillón da Ferrería, dentro do programa de apoio aos concellos para mellorar instalacións deportivas municipais.
No eido dos servizos sociais, explicou que o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) deste ano supón unha aportación autonómica de case 580.000 euros.
Así mesmo, Arias subliñou os investimentos no ámbito do emprego. Así, apuntou que a Xunta sufragou con 511.000 euros o obradoiro compartido por Castroverde con outros catro concellos, que funcionou durante doce meses -foi clausurado en setembro -; e tamén ten en marcha o programa Aprol Rural, que permitiu contratar a unha persoa desempregada para desenvolver labores de prevención de incendios forestais neste municipio.