Presentado o proxecto para a creación dun campo de fútbol 11 no parque deportivo de Caranza

por Redacción A Coruña

A concelleira de Urbanismo, Blanca García, presentou hoxe en comisión o proxecto básico e de execución das obras de remodelación de dúas pistas deportivas de fútbol 8 existentes no parque deportivo de Caranza para convertelas nunha única pista de fútbol 11, divisible en dúas de fútbol 8.

Este proxecto é o seguinte paso a dar tras a firma, o pasado mes de abril, dun protocolo coa Deputación de A Coruña. Inicialmente a porcentaxe de financiación era dun 70% para a Deputación e dun 30% para o Concello de Ferrol pero agora, a Admistración local asume máis inversión, chegando ao 44%.

Este parque deportivo conta cunha superficie aproximada de 3,3 hectáreas, onde se localiza o Complexo polideportivo Javier Gómez Noya e diversas instalacións deportivas destinadas á práctica do fútbol: un campo de fútbol 11, dous campos de fútbol 8 e outras dependencias auxiliares.

A actuación prevista implica a intervención en 8.900 metros cadrados de terreo dentro do parque e contempla a remodelación das dúas pistas de fútbol 8 para ser convertidas nun único campo de fútbol 11, (divisible á súa vez, en disposición transversal, en dúas pistas de fútbol 8).

SITUACIÓN ACTUAL

Os dous campos de fútbol 8 existentes contan cun acabado de céspede artificial en avanzado deterioro, polo que se fai necesaria a súa renovación para garantir o correcto uso e prolongar a vida útil das instalacións deportivas obxecto deste proxecto.

Ademais da renovación do céspede, proponse modificar a disposición das dúas pistas de fútbol 8 actuais, de maneira que as dúas novas situaríanse unha ao carón da outra de maneira transversal, para poder xerar un novo campo de fútbol 11 como resultado da unión das dúas.

Para iso é necesario unha serie de intervencións, entre elas, modificar o límite este das pistas de maneira que avance lixeramente sobre a zona que actualmente está libre; e modificar o límite oeste, de maneira que o noiro avance en dirección á rúa existente. Así mesmo, procederase á desmontaxe do alumeado actual e á instalación dun novo e á pavimentación das superficies de xogo, con acabado de céspede artificial. Ademais, aproveitando a modificación do noiro no límite oeste proponse a instalación dunha bancada descuberta.

O orzamento xeral estímase en 862.245,27 euros (IVE incluído) dos cales o 44% será sufragado polo Concello de Ferrol. O prazo de execución é de seis meses.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario