Comunicado do PP de Antas de Ulla en relación ás declaracións da alcaldesa sobre os fondos para reformar a Casa da Cultura

por Redacción Lugo

O voceiro do PP de Antas de Ulla, Javier Varela, explica en relación ás declaracións da alcaldesa sobre os fondos para reformar a Casa da Cultura que:

Con data 29 de decembro de 2022 o Concello de Antas de Ulla recibe o ingreso correspondente á subvención para realización das obras da Casa da Cultura, cuxas obras e xustificación se deben realizar con data límite de setembro de 2024.

Desde esa data e ata o 17 de xuño de 2023, data de toma de posesión da nova Corporación, mantense o normal funcionamento de pagos na tesourería municipal, e abónanse con normalidade as nóminas de persoal, os pagos das cotizacións tributarias e sociais, así como os pagos habituais de facturas de provedores, tanto do exercicio 2023 como contabilizadas de exercicios pechados.

Ao 17 de xuño de 2023, isto é, a data de toma de posesión da nova Corporación, realízase a preceptiva acta de arqueo, que lanza un saldo de 436.036,44 € nas contas do Concello. A esa mesma data a previsión estimada de ingresos pendentes de cobranza, por subvencións executadas e non cobradas, así como por outros ingresos correntes municipais (taxas, recibos ou ingresos do Estado), é de, arredor de 420.000 euros.

Cabe sinalar, así mesmo, que a maiores deses ingresos pendentes de cobranza, o Concello, nestas mesmas datas manexaba unha previsión de ingresos inmediatos (e en todo caso, con anterioridade a setembro de 2024), en concepto de ICIO por 2 parques eólicos que contan xa coa preceptiva autorización administrativa de construción, e cuxos presupostos de execución material ascenden a millóns de euros; algo do que a actual Alcaldesa é coñecedora, pois, no último Pleno ordinario aprobouse unha proposta do grupo do PSOE para incrementar as taxas por ICIO do 2,4 ao 4 %, para obras de importe superior a 500.000 euros, coa vista, claramente posta, en aumentar a recadación de ICIO antes de que as empresas encargadas da construción dos parques soliciten a preceptiva licenza municipal.

Por suposto desmentimos que se desviaran fondos públicos para o pago de facturas, cousa que en ningún momento se produciu, pois o importe da subvención integra correctamente o orzamento municipal de ingresos, do mesmo xeito que no orzamento de gastos figuran contemplados os 945.000 euros do montante total da obra, da que, a achega municipal se previu financiar con cargo a un préstamo bancario.

Non houbo desvío de fondos nin gasto do 100 % da subvención, como afirma a Sra. García Porto, houbo un funcionamento normal de Tesourería, con tensións de liquidez en momentos puntuais.

En calquera caso, á vista destas declaracións, entendemos que a Sra. García Porto, desde a súa chegada á alcaldía, non gastaría nin un euro deses 436.000 dos que dispoñía en caixa o Concello, pois, noutro caso, ela mesma sería responsable, tamén, dese suposto desvío de fondos para pago de facturas.Imaxinamos que a Alcaldesa esgrimirá todo tipo de argumentos, como o descoñecemento da existencia de débeda (débeda que ela mesma cifraba arredor de 2 millóns de euros nunha entrevista concedida á prensa ao día seguinte das eleccións) e outro tipo de escusas, aínda que, á vista dos acontecementos, máis ben parece unha cortina de fume ante a súa incapacidade para manexar os asuntos do día a día do Concello, e máis importante aínda, para levar a cabo a xestión das obras da Casa da Cultura, que segundo o cronograma inicialmente previsto, a estas alturas xa deberían estar, cando menos, contratadas

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario