O I Foro da Industria Galega do Audiovisual expón o potencial deste sector estratéxico en Galicia

por Redacción Galicia

A titular da área de cultura da Deputación, Natividad de Jesús González, participou esta mañá na inauguración do FIGA (Foro da Industria Galega do Audiovisual)

A Cidade das TIC acolleu esta mañá a inauguración do I Foro da Industria Galega do Audiovisual, FIGA, na que participou a deputada de cultura, Natividad de Jesús González. En representación da entidade provincial, que colaborou coa Academia Galega do Audiovisual para a celebración deste encontro, a responsable da área de cultura puxo en valor o sector audiovisual do país, «un sector estratéxico porque conecta a parte económica e industrial coa cultural», apuntou.

A deputada sinalou así a importancia de vincular a industria audiovisual co territorio, «desde a nosa condición de cultura e de identidade propia no mundo» puntualizou. «O noso audiovisual terá valor se somos capaces de aportar a nosa mirada, e iso precisa poder contar e mirar o mundo desde nós». 

Este foro, que se celebra dende o 9 ata o 11 de novembro, reúne a expertos de todo o mundo para abordar os desafíos e oportunidades da intelixencia artificial para o sector. «Nos últimos anos estamos a ver un crecemento e transformación exponenciais do audiovisual en Galicia, que crea novas oportunidades e enfrenta novos retos» destaca Natividad González, «e esta situación de cambio hai que abordala desde a cooperación, a implicación do sector público e privado, o coñecemento e a reflexión».

O FIGA será o punto de encontro para o debate sobre as inquedanzas dunha industria «con moito talento creativo e cunha cultura propia que a diferencia». Por iso, dende a Deputación, «precisamos acompañar estas fortalezas de solvencia económica e fortaleza estrutural».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario