O PSOE de Oleiros presentará no próximo pleno unha moción encamiñada a poñer en marcha medidas efectivas para a mellora da xestión da recollida de residuos

por Redacción A Coruña

O Grupo Municipal Socialista de Oleiros, denuncia o abandono no servizo de recollida de residuos no Concello, o feito de que se traslade aos particulares e ao Consorcio das Mariñas o problema do seu mal funcionamento, e propón un plan con medidas urxentes para melloralo. O Concello non pode seguir de brazos cruzados, multando pero sin axudar aos veciños a cumplir cas ordenanzas municipais

O Grupo Municipal socialista vai trasladar a través dunha moción as reclamacións dos veciños e veciñas sobre as deficiencias do servizo de recollida de residuos no Concello de Oleiros. Hai un deterioro importante en moitos contedores, o seu contorno está sucio o que ademáis de insalubre facilita a presencia de roedores, o seu tamaño é insuficiente en moitos casos e incluso cando falta algún ou rompe tarda en repoñerse dificultando o uso correcto por parte dos veciños.

Recentemente o Concello fixo pública a denuncia formulada contra unha residente no municipio,  propoñendo unha sanción económica de entre 501 e 1.500 euros, por deixar «unha desmedida cantidade de cartón fóra dos contedores, esta persoa tamén arroxou á vía pública plásticos de embalaxes, poliestireno, medicamentos, roupa, calzado…», engadían dende o Concello que «Este tipo de comportamentos incívicos deterioran a convivencia nos espazos públicos», e recordaban que «para a conservación duns espazos públicos agradables e saneados, resulta imprescindible a colaboración veciñal respecto ao cumprimento das normas do depósito de lixo. É importante separar os residuos para botalos nos contedores correspondentes, así como respectar os horarios estipulados», engadían.

Concordando ca necesidade de civismo e de que todos somos parte activa para mellorar o noso entorno, a cada un hai que esixille as súas responsabilidades. Está ben que o Concello esixa pero debe colaborar, facilitar os medios e difundir axeitadamente a información para que os veciños podan cumplir cas súas obrigas cívicas en relación cun servizo que ademáis pagan.

Dende hai anos o Concello cuestiona a boa xestión dun servizo que se presta desde o Consorcio das Mariñas, encargou aditorías e xa en agosto do 2018 o Concello denunciaba «As numerosas deficiencias no servizo de recollida do lixo que se presta desde o Consorcio das Mariñas está a provocar moitas queixas por parte de veciños de diversos lugares do municipio. O Concello está a constatar que a empresa concesionaria non está a recoller todos os días que lle corresponde, faltan contedores para depositar os residuos, os de papel e vidro están saturados en moitas zonas e os contornos non están limpos».

Os veciños de Oleiros pagamos por un servizo que é certamente deficiente, e o Concello ten que facer o seu traballo para melloralo. Hai unha desproporción en moitos casos nos tamaños dos contedores de lixo e o número de veciños que atenden o que fai que con frecuencia se deposite residuo no contedor non axeitado porque o propio está cheo. É certo que iso está mal, pero cando día tras día o veciño atopa o contedor cheo chega un momento en que está completamente desincentivado ante a inacción municipal. Como exemplo está esta «illa de contedores» ubicada en Dorneda na que hai xa unha semá que «desapareceu» o contedor de orgánicos obrigando aos veciños a desplazarse mínimo 500 metros para atopar o seguinte. Ir a botar o lixo e ter que camiñar máis dun kilómetro entre ida e volta é unha esixencia excesiva para os usuarios e un exemplo de que cun mínimo de dilixencia municipal pode mellorarse a prestación do servizo.

Chegados a este punto, e visto o deterioro que sufre o servicio de recollida de residuos entendemos que o Concello de Oleiros ten que ser proactivo para arranxar o problema, e en vez de botar balóns fora coma nos ten acostumados, ten que cumplir as súas obrigas de información e concienciación para que cando alguén sexa sancionado non poda alegar descoñecemento.

Por outra banda compre, ademáis de difundir axeitadamente a información, facer campañas periódicas de sensibilización, de consumo responsable, de xestión de residuos voluminosos e de horario e ubicación do Punto Limpo.

Tamén urxe estudar medidas específicas, como rutas especiais ou porta a porta, para que a recollida de residuos en zonas de hostelería e comercio mellore en puntos que están a sufrir desbordamentos continuos.

A parte resolutiva da moción que propoñemos para a aprobación no Pleno é a seguinte:

·  Limpeza, reparación, e colocación inmediata en todos os contedores de Oleiros de pegatinas indicando os horarios de depósito, o tipo de residuos que se poden botar dentro de cada tipo de contedor, como xestionar os residuos voluminosos e aparatos eléctricos e o horario e ubicación do Punto Limpio. A ampliación de información deberá estar disponible empregando un código Qr ou similar.

·  Ante a proximidade do Nadal, e sabendo que aumenta a cantidade de lixo nos fogares, a posta en marcha inmediata de campañas de sensibilización co consumo responsable e a xestión dos residuos.

·  O Concello deberá ter un espazo permanente, actualizado, e accesible na web municipal adicado a sostibilidade e a mellora da calidade da recollida de residuos urbanos.

·  O Concello debe facilitar que o tamaño dos contedores sexa axeitado ao número de vivendas que atenden.

·  O Concello impulsará medidas de fomento do emprego dos composteiros para a boa xestión dos residuos orgánicos.

· O Concello estudará a posibilidade de reforzo con rutas «porta a porta» da xestión de residuos en zoas hosteleiras ou comerciais onde con frecuencia está a darse un desbordamento dos contedores.

· O Concello porá en marcha campañas de participación cidadá na reciclaxe con incentivos que xa están a aplicar noutros concellos do estado. Pode empregarse, por exemplo, unha «moeda» ou vale local para ser empregada a través dunha rede de comercios adheridos á campaña coseguindo un obxectivo dobre, a mellora da reciclaxe e o fomento do comercio local».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario