Os concelleiros do PP de Sarria denuncian o estado da LU-P-5701 e piden “a implicación do alcalde para esixir a súa mellora”

por Redacción Lugo

Os populares comparten as queixas dos veciños polo continuo deterioro da vía provincial, especialmente ao seu paso polo núcleo de Céltigos

A estrada provincial LU-P-5701, entre Sarria e Armea pasando por Céltigos, é unha vía de moito tránsito e que se deteriora continuamente; máis aínda agora na época de chuvias. O estado que presenta a vía con numerosos baches -especialmente no núcleo de Céltigos- é motivo habitual de queixas por parte dos veciños e veciñas, unha preocupación que comparten os concelleiros do Grupo Municipal Popular debido “non só á incomodidade de circular por ela, senón pola perigosidade que pode supoñer para os usuarios”.

Nese sentido, a portavoz dos populares, Carmen José López, pide tamén a implicación do alcalde como máximo representante do Concello para que, en nome dos veciños, esixa ao goberno da Deputación de Lugo -que é a titular da vía- mellorar a vía incluíndo a renovación do pavimento con aglomerado en quente, ademais da limpeza de cunetas e outros aspectos que sexan necesarios para garantir a seguridade dos usuarios.

A popular pide que “en lugar de botar parches que se levantan continuamente, se aplique aglomerado en quente, o que permitiría resolver os problemas habituais co pavimento”.

Reclamación xa trasladada á Deputación

Carmen José López, que tamén é deputada e vicevoceira do Grupo Provincial Popular,  solicitou durante o pleno do mes de xullo da corporación provincial ao goberno da Deputación de Lugo -do que forma parte o voceiro do BNG en Sarria- que realizara as xestións oportunas para levar a cabo, canto antes, actuacións de mellora para corrixir as deficiencias desta estrada provincial; así coma doutras de titularidade provincial no termo municipal de Sarria coma a LU-P-4303 ou a LU-P-5602, ademais de pedir a instalación de elementos que melloren a seguridade na LU-P-5709.

López lamenta e subliña, unha vez máis, “o abandono e falta de coidado da Deputación Provincial respecto da súa propia rede viaria”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario