Teatro do Noroeste presenta este mes de decembro a estrea absoluta de ‘As damas de Ferrol’

por Redacción A Coruña

‘As damas de Ferrol’ é un texto en clave feminista dirixido por Clara Gayo, protagonizado por Mónica Camaño e Casilda Alfaro, con música orixinal de Chefa Alonso, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e dramaturxia de Eduardo Alonso

Teatro do Noroeste da un xiro á súa liña de traballo coa estrea absoluta do espectáculo As damas de Ferrol. A peza poderase ver os días 1 e 2 de decembro, ás 20.30h, no Teatro Jofre de Ferrol. Trátase dun texto en clave feminista, que está dirixido por Clara Gayo e que conta con Mónica Camaño e Casilda Alfaro como protagonistas, con música orixinal firmada por Chefa Alonso, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e dramaturxia de Eduardo Alonso. A veterana compañía presenta así unha proposta coa que revisita un dos textos máis senlleiros do seu repertorio, que xa montara hai máis de 20 anos, entón baixo a dirección do propio Eduardo Alonso, abrindo agora unha nova senda estética e escénica. 

As damas de Ferrol é unha comedia circular onde se debaten a realidade e a fantasía. Dúas irmás, xa maiores, repasan sobre as táboas a súa vida e amosan unha realidade cruel e implacable… aínda que quizais todo é froito da súa imaxinación. Absurdos e disputas danse a man nunca peza cunha marcada crítica social, na que unha morte e a cidade de Ferrol protagonizan tamén a historia.

Producida por Teatro do Noroeste, trátase dun espectáculo no que a compañía conta cunha directora externa ao fronte, Clara Gayo. Eduardo Alonso asina o texto, protagonizado nesta nova posta en escena por Mónica Camaño e Casilda Alfaro. O equipo complétase cunha escenografía e vestiario a cargo de Carlos Alonso, mentres que Eduardo Alonso é o responsable do deseño de iluminación e a produción é de Eva Alonso.

As entradas para ver As damas de Ferrol están xa dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro.

SOBRE O ESPECTÁCULO

As damas de Ferrol é unha comedia onde a realidade e a fantasía debátense por ter a mesma carta de natureza. A liña argumental avanza e retrocede, léase e desléase como un nobelo imaxinario imposible de descifrar. As personaxes son Lourdes e Maruxa, dúas supostas irmás, xa maiores, que falan sobre elas mesmas, sobre a súa situación actual e sobre os acontecementos que as levaron a ela. Pechadas na súa vella casa, debullan a súa realidade que ben pode ser a súa fantasía ou a verdade máis cruel e implacable. Entre elas érguese constantemente a evocación dun home, Manolo, que, disque condicionoulles a vida e elas condicionaron a del até levalo a unha suposta e terrible morte.

Ambas as dúas establecen as súas disputas tratando de comer, ou quizais de devorar, todo o que ante elas sitúase, realidade ou ficción, cunha ansia só posible nos límites da demencia. E como marco infinito, tanto físico como mental, sitúase Ferrol. Unha cidade esfollada, fermento de frustracións, pero tamén xermolo de novas vidas: renacendo sempre das súas desgrazas co seu humor retranqueiro de mil batallas, todas perdidas. 

O jazz será o protagonista do espazo sonoro que acompaña ao espectáculo. O diálogo por veces caótico, por veces melódico, que tradicionalmente establecen os instrumentos neste xénero musical é perfecto para amparar a acción escénica e reforzala, tanto nos momentos de ritmo máis intenso como nos máis íntimos. Sobre el, a compositora Chefa Alonso apunta: «baseadas esencialmente no dúo musical, o mínimo, o agudo e o ferruxento está representado nas texturas sonoras das cordas do kechapi e do contrabaixo, que inspiran motivos musicais abstractos. E engade que «a humanidade da vellez, a desmemoria, o amor e a familia exprésanse en temas máis melódicos e tonais coa dozura da kalimba e a melancolía do saxo soprano», forxando » unha música para un texto desapiadado en un mundo sen esperanza».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario