Martín Seco responsabiliza á Xunta da perda de 5 M€ de axudas dentro dos ecorréximes da PAC

por Redacción Galicia

Advirte que a “mala orientación” da política do goberno galego provocou a perda das axudas para case o 20 por cento da superficie que se podería ter beneficiado dos fondos

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, alertou hoxe de que o desleixo do goberno galego e a “mala orientación” da Consellería do Medio Rural provocou que os agricultores galegos perderan en torno aos 5 millóns de euros de axudas dentro dos ecorréximes da PAC. Seco presentou unha pregunta oral en Comisión advertiu que o déficit de orientación e asesoramento da Consellería fixo perder estas axudas.

Segundo o sindicato Unións Agrarias, case un 20 por cento da superficie agraria que se podería ter beneficiado destes fondos quedou sen eles, xa que mentres no resto do Estado o 75 por cento dos agricultores e o 87 por cento da superficie solicitaron acollerse a estas prácticas subvencionadas, en Galicia a cifra descende ao 62 por cento da superficie. De feito, Galicia é a terceira que menos superficie destina a estas prácticas ecolóxicas, só por detrás das Illas Baleares e de Murcia.

Explicou que os ecorréximes son unha das grandes novidades da nova PAC, pola que conceden axudas ás prácticas de agricultura sostible por parte de agricultores e gandeiros, que se adhiren de forma voluntaria. Reclamou a implicación do goberno galego para que os produtores galegos “non perdan un euro” das axudas e porque, advertiu, “Galicia non debe perder o tren da nova orientación agraria que, lles guste máis ou menos, viu para quedarse”.

Dixo que a proba do desleixo do goberno galego é que as axudas foron concedidas ao 84,5 por cento dos agricultores e gandeiros que optaron por empregar os servizos que ofrece Unións Agrarias. Esta cifra evidencia os problemas que atoparon outros produtores que non contaron cun asesoramento técnico axeitado, que non lles garantiu o goberno galego, e que supón “unha importante oportunidade perdida que terá graves consecuencias económicas para os sector.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario