O BNG de Becerreá pedirá realizar unha consulta entre os becerrenses sobre o proxecto de derrubamento e deseño da nova praza

por Redacción Lugo

«Hai moita xente que considera o custe deste proxecto moi elevado, a primeira parte supón 1.259.481,34€» manifesta o portavoz municipal do BNG en Becerreá

O BNG de Becerreá levará ao vindeiro pleno unha moción para que se realice unha consulta popular sobre o proxecto de derrubamento do actual edifico do concello e o deseño de unha nova praza.

O proxecto de construción dun novo edificio municipal demolendo a antiga «Casa do médico» iniciouse pouco antes da celebración das eleccións municipais. Este proxecto leva aparellado tamén o derrubamento do actual consistorio para deseñar no seu lugar unha suposta «gran praza».

«No BNG temos constatado que non existe entre os habitantes do noso concello consenso positivo sobre a realización desta idea» di Ovidio Montaña

O custo da primeira fase dese proxecto é de 1.259.481,34 euros ao que haberá que engadir o que corresponda á segunda.

«Consideramos que este custo é demasiado alto para un concello como Becerreá, cando temos outras necesidades nas que sería preciso investir».

Entra a veciñanza tamén existe malestar e sorpresa pola da eliminación total dun edificio que se consideraba histórico na vila, a devandita «Casa do médico».

Tampouco existe consenso, que cremos necesario, sobre o derrubamento do actual edificio do concello e a prevista construción dunha «gran praza» que habería que deseñar cunha planificación do que se quere facer nela que xustifique o custe de toda esa obra.

«Dende o BNG, cremos que sempre hai que contar coa participación da xente á hora de planificar a acción dun goberno e moito máis en casos coma este que atinxe ao futuro deseño urbanístico da nosa vila» di o portavoz municipal do BNG en Becerreá.

A composición política do concello que saíu das eleccións municipais determinou que o anterior equipo de goberno perdese a maioría absoluta coa que aprobou en solitario o proxecto no anterior mandato.

A lexislación permite que os concellos realicen consultas populares para acadar a opinión dos seus habitantes. «Cremos que esta é unha ocasión relevante para que se pida a opinión da xente antes de seguir adiante co proxecto no que atinxe á segunda fase de derrubamento do actual edificio ou non» concluíu Ovidio Montaña.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario