Con case un terzo da competición transcorrida, o RC Deportivo acumula un total de 14 puntos en 11 xornadas, é dicir, unha media de 1,27 puntos por partido xogado. O balance deste tramo inicial dista moito dos 23 puntos (2,09 por encontro) acadados en 2021 pola escuadra que dirixía Borja Jiménez e dos 21 (1,95 por partido) obtidos a tempada anterior con cambio de adestrador incluído.
Tanto na Primeria RFEF como en Segunda os técnicos dos equipos punteiros refírense seguido á persistencia como fórmula para conseguir os ascensos. De feito, nos últimos anos varias formacións con comezos irregulares lograron o obxectivo que anhela Riazor. Este foi o caso do Amorebieta, campión do grupo II da categoría de bronce o curso pasado. O cadro biscaíño posuía a mesma puntuación que os herculinos a estas alturas e rematou a competición con 69 puntos (1,81 de media).
No segundo chanzo do fútbol nacional, o Osasuna de Arrasate tardou en carburar naquel fatídico 2018/2019 para os deportivistas. Con 13 puntos (1,18 por partido) chegaba o club navarro á xornada 11, tan só o 12% dos 87 (2,07 por encontro) cos que remataría o campionato. Tamén na división de prata o conxunto vallisolitano sufriu un principio complicado no 2021. O equipo que por aquel entón adestraba “Pacheta” tan só lograra 16 puntos (1,45 por encontro) após 11 xornadas, números discretos en comparación coa media inglesa que lle permitiu alcanzar o coliderato (81 puntos; 1,93 por partido). Ese mesmo ano, o Girona comandado por Míchel atinxiu o ascenso na promoción cunha puntuación de 68 puntos na liga regular (1,62 por partido). Non obstante, o equipo que actualmente lidera a máxima categoría, topábase en postos de descenso na undécima xornada, sumando unha media dun punto por contenda.
Alén de resultados, o equipo que deleitou aos seareiros branquiazuis naquela noite lucense debe topar a senda das sensacións para aproximarse aos 30 puntos na primeira volta. Cunha maior acumulación de xogadores no carril central, os de Idiakez tentarán amosar as virtudes dun equipo con máis rexistros que as tempadas anteriores pero con menos acerto nos ataques posicionais.