O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, solicita ao goberno da Deputación de Lugo que estude a posibilidade de habilitar unha ponte no paseo do río Rato para o paso de vehículos dos residentes de catro vivendas nun núcleo do barrio de Castelo, no Concello de Lugo.
O popular explica que o único acceso para vehículos do que dispón este núcleo é unha vía de titularidade municipal que, na zona entre as edificacións, é moi estreita para o paso de furgóns e vehículos coma os de emerxencias.
Ameijide explica que “por exemplo, se fose preciso, unha ambulancia non podería chegar ao domicilio porque o paso é moi estreito para este tipo de vehículos”. E o mesmo acontece para o caso de camións de bombeiros, etc. De feito, “estas son problemáticas e situacións que xa lles tocou vivir aos veciños da zona”.
Á vista da existencia da ponte sobre o Rato o suficientemente ampla, o popular -que visitou a zona acompañado de concelleiros do Grupo Municipal Popular- pide ao goberno provincial que estude a viabilidade de habilitala para uso exclusivo dos residentes, cando a vía municipal estea cortada ou as súas dimensión non permitan o paso a vehículos de emerxencias.