O colectivo A Por Todas (APT), formado por enfermeiras galegas, concentraranse o 16 de novembro nas Áreas Sanitarias

por Redacción Galicia

Dende fai uns meses levamos a cabo distintas accións: concentracións, escritos dirixidos ás Xerencias e Recursos Humanos do Sergas, á Valedora do Pobo e a outros organismos, reunións cos representantes dos traballadores. Reclamamos os dereitos que fomos perdendo nas últimas dúas décadas, melloras nos cocientes Enfermeira – doente, estabilidade laboral e o recoñecemento profesional que merecemos.

Constituímonos dende a unidade do noso colectivo e animamos ao resto de categorías, que se ven afectadas por moitas das nosas demandas, a que acudan ás concentracións e se unan ás nosas peticións, xa que son melloras comúns.

O uso abusivo de contratos precarios, de días, ou no mellor dos casos, de meses, nos cales, en moitas ocasións, o horario laboral é comunicado ao traballador con un só día de antelación, tendo que exercer o seu traballo nunha unidade diferente cada día ou incluso dentro da mesma xornada, xera unha gran presión nos profesionais e supón un risco innecesario para a seguridade dos doentes, minguando a calidade asistencial.

Cada vez faise máis evidente a falta de enfermeiras dispoñibles para cubrir as ausencias do persoal da plantilla estable (vacacións, días de descanso, asuntos propios, incapacidades temporais). Neste momento a xestión do Sergas céntrase na improvisación continua afectando a calidade dos coidados que ofrecemos.

A mala xestión da administración e a falta de previsión das crecentes necesidades dunha poboación cada vez máis lonxeva favorecen o deterioro da Sanidade Pública, o incremento desorbitado da actividade privada e a migración de compañeiras fóra de Galicia e incluso de España.

Por todo isto, volvemos saír a rúa.

O xoves, 16 de novembro convocamos concentracións na maioría das Áreas Sanitarias:

  • MONFORTE DE LEMOS, na entrada principal do Hospital ás 13h.
  • LUGO, na entrada principal do HULA ás 13h.
  • A MARIÑA, na porta xiratoria ás 11:30h.
  • SANTIAGO DE COMPOSTELA, na entrada do CHUS ás 13h.
  • A CORUÑA, na rotonda do HUAC ás 13h.
  • PONTEVEDRA, diante do Hospital Provincial ás 13h.
  • VIGO, na porta principal do HAC ás 11:30h.
  • FERROL, no recibidor do Arquitecto Marcide ás 13h.

Esta é a terceira concentración do noso movemento e a segunda a nivel autonómico. Pedimos melloras que inflúen directamente na atención aos doentes, ademais da recuperación dos nosos dereitos.

Seguimos agardando algunha solución as nosas peticións.

Solicitamos e agradecemos a colaboración dos medios audiovisuais e a prensa na difusión de ditas concentracións.

A POR TODAS GALICIA

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario