Ourense será a sede dun Congreso no que participan 30 universidades e 10 entidades sociais

por Redacción Ourense

Xuventude en protección: o Congreso Internacional que reúne a expertos e universidades para mellorar a súa transición á vida adulta

Do 29 de novembro ao 1 de decembro, a Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense da Universidade de Vigo será o escenario do I Congreso Internacional de Transición á Vida Adulta da Xuventude do Sistema de Protección, un importante evento en conmemoración dos 25 anos do programa pioneiro, Programa Mentor. Coa presenza de representantes de máis de 30 universidades e entidades estatais e internacionais do terceiro sector, o Congreso será un espazo de reflexión sobre a importancia do acompañamento na transición cara a vida adulta independente da xuventude do sistema de protección.

«Unha oportunidade única para intercambiar experiencias, coñecer como se traballa no resto de España e Europa e dirixir ese coñecemento a mellorar a vida da mocidade tutelada e extutelada». Así presentaba o evento en rolda de prensa este martes no Campus de Ourense Carlos Rosón, director de IGAXES.

Xunto a el, o decano da Facultade de Educación e Traballo Social, Xosé Manuel Cid, recordaba tamén a importancia deste encontro para «achegar á cidadanía a realidade da xuventude do sistema de protección e como se traballa dende o ámbito universitario». Pola súa banda, o vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, subliñou que «acoller este Congreso está na liña do compromiso deste Campus coa inclusividade e a integración».

O Programa Mentor, que iniciou as súas labores en 1998 e do que se conmemoran os seus 25 anos, é un referente en Galicia e en toda España no tratamento da transición á vida adulta da xuventude do sistema de protección. Este programa, xunto con algunhas iniciativas en Cataluña, foi pioneiro no país no acompañamento de mozas e mozos que pasaron polo sistema de protección.

O Congreso está organizado pola Universidade de Vigo e a entidade social IGAXES, unha ONG que traballa desde 2001 coa infancia, xuventude e familias en situación vulnerable, e aposta pola alianza co mundo académico e universitario para mellorar a intervención social a través dun enfoque de intervención, coñecemento e incidencia (ICI). O Congreso contará coa presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, e Josep María Cervera, da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, que estarán en Ourense para a súa inauguración.

IGAXES ten colaborado estreitamente coa Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense da Universidade de Vigo con anterioridade. Por exemplo, no desenvolvemento do «Curso de Especialista na Autonomía dos Mozos e Mozas no Sistema de Protección» e varias investigacións sobre o éxito escolar da xuventude en risco de exclusión. Este Congreso supón un paso máis na cooperación entre as dúas entidades e, polo tanto, entre o mundo laboral e o educativo, para mellorar o futuro da mocidade tutelada e extutelada.

Para saber máis

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario