A AIE Ribeira Sacra Next pasa da teoría á práctica

A Agrupación de Interese Empresarial Ribeira Sacra Next constituíase a comezos deste ano 2023, como unha agrupación aberta a tódolos sectores empresariais da Ribeira Sacra, unindo as provincias de Lugo e Ourense

Do mesmo modo que a Ribeira Sacra se presenta como un territorio único no sector do viño e no sector turístico, a Agrupación de Interese Empresarial vincula as actividades empresariais das dúas provincias, ao entender que se teñen intereses comúns nun territorio único e que unid@s poden facer máis forza.

Os fins da AIE son:

  1. Contribuír, desde unha perspectiva empresarial ao desenvolvemento socioeconómico sustentable do Territorio Ribeira Sacra, aproveitando as sinerxias empresariais a través da valorización dos recursos e poñendo no centro ás persoas, o medioambiente, o territorio e a innovación.
  2. Ser interlocutora con administracións e colectivos de diversa índole.
  3. Cooperar con outros territorios diferenciados, como é o caso da Ribeira Sacra.
  4. Facilitar o acceso aos diferentes Fondos Europeos para que redunden no desenvolvemento do territorio e na mellora da competitividade do tecido produtivo.

Durante este ano a agrupación desenvolveu roldas de contactos con administracións e parte do tecido empresarial do territorio. Neste mes de novembro e con máis de 60 empresas que xa forman parte da Agrupación, desenvolveuse a primeira asemblea, onde se definiron as primeiras liñas de actuación e constituíuse o Consello de Administración, formado por 15 persoas que comenzarán a traballar para seguir dando forma a esta realidade ilusionante.

No ánimo de achegarse a cada recuncho deste territorio decidiuse que as asembleas foran itinerantes, e despois desta primeira cita en Monforte de Lemos, a vindeira semana reuniranse en Pantón e antes de rematar o ano será a quenda de Parada de Sil ou Pereiro de Aguiar, na provincia de Ourense.

A contratación dunha xerencia é agora un paso fundamental, mentres se anima a todas as actividades empresariais da Ribeira Sacra a sumarse a esta iniciativa que busca dinamizar o territorio. “Cremos que é importante participar porque é unha oportunidade. Os problemas e as fortalezas xestiónanse mellor desde a unión. Se gañan as empresas gaña o territorio e gañamos todos”, destacan dous dos promotores, Manuel Dacosta e Severino Rodríguez.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios