Formoso destaca a aposta do Goberno de España pola FP na súa visita ás aulas e talleres do IES Rosalía de Mera

por Redacción A Coruña

Formoso indicou que «con esta nova Lei benefícianse tanto aos centros de ensino como ao alumnado, que encarará o mercado laboral do xeito máis preparado posible»

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, visitaron esta mañá as aulas e os talleres de Formación Profesional do IES Rosalía de Mera.

O instituto, que está xestionado pola Deputación da Coruña, conta con 350 alumnos e alumnas e nas súas aulas impártense 11 ciclos formativos: 2 de FP superior, 6 de grao medio e 3 de FP básica. Artes gráficas, mecatrónica industrial, mecanizado e soldadura, carpintería ou deseño de producción gráfica son algúns dos ciclos que se imparten no centro educativo coruñés.

Formoso destacou a implicación da Deputación para ofrecer ao alumando do centro a mellor calidade na súa formación, así como o elevado índice de inserción laboral dos alumnos e alumnas que saen das aulas do centro.

O presidente puxo en valor a «gran aposta do Goberno de España pola Formación Profesional, co obxectivo de harmonizala co resto de países europeos, nos que a FP xa é unha prioridade desde hai moitos anos».

«A FP Dual é unha ferramenta áxil, que pretende realizar unha especialización á vez que se profunda na formación do modo máis realista posible. Con esta nova Lei beneficiaranse tanto aos centros de ensino como ao alumnado, que encarará o mercado laboral do xeito máis preparado posible» engadiu o presidente da Deputación.

Valentín Formoso engadiu que a nova Lei de FP, «cun orzamento de máis de 2.000 millóns de euros para os vindeiros anos, permitirá afrontar ese gran reto cos recursos que a sociedade demanda, obtendo unha ensinanza de primeiro nivel e coa preparación necesaria».

316 millóns do Goberno para impulsar a FP en Galicia

Pola súa banda, Pedro Blanco destacou «os 316 millóns de euros que o Goberno de España destina para impulsar a modernización da FP en Galicia» e subliñou a importancia que para este Goberno ten a Formación Profesional. «Esta nova normativa permitirá a creación de máis de 26.000 novas prazas de formación profesional, ao tempo que permitirá que máis de 85.000 galegos e galegas poidan, a través dos certificados de profesionalidade, acreditar a formación que foron obtendo grazas a esa experiencia laboral», subliñou o delegado do Goberno.

Por último, quixo aludir á «igualdade que hoxe en día presentan as formacións profesionais coas universitarias, que xa son equiparables no relativo tanto á calidade como á demanda».

Galicia recibirá máis de 10,5 millóns de euros para crear 5.613 novas prazas de FP ata finais do ano 2024

O Consello de Ministros aprobou a semana pasada destinar 18.517.704 euros a Galicia para a Formación Profesional, Educación Infantil, a ensinanza de programación e robótica, e a escolarización de desprazados pola guerra de Ucraína.

A nosa Comunidade recibe así, 10.524.375 euros para a creación de 5.613 novas prazas de Formación Profesional de aquí a finais do ano 2024.

Desde o ano 2019, o orzamento do Goberno destinado a Formación Profesional aumentou nun 865 %, o que permitiu a creación de novas titulacións e cualificacións profesionais, a modernización do sistema ou o incremento do volume de estudantes de FP, entre outras cousas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario