Rueda recibe a embaixadora de Suráfrica en España para reforzar os lazos comerciais e empresariais con Galicia

por Redacción Galicia

O obxectivo é afianzar as relacións económicas con este país ao que xa exportan máis de 170 compañías galegas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro coa embaixadora da República de Suráfrica en España, Sankie D. Mthembi-Mahanyele, para reforzar os lazos comerciais e a colaboración empresarial entre ambos territorios.

Durante a reunión, na que tamén participou o vicepresidente primeiro e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordáronse as oportunidades que ofrece o país africano para o tecido empresarial galego cara afianzar as relacións económicas entre as dúas rexións.

Un dos eidos nos que se agarda unha maior colaboración é no pesqueiro polo protagonismo da pesca de arrastre -especialmente para a captura de pescada- que fai de Sudáfrica un socio comercial de interese para Galicia. Ademais, tamén se analizaron vías para avanzar na colaboración no sector da conserva e consolidar a marca Galicia no país a través dos produtos que comercializan empresas galegas.

Por outra banda, Rueda e a embaixadora de Suráfrica, avaliaron as oportunidade comerciais que este país ofrece ás empresas galegas no eido das enerxías renovables, a rede de subministro de auga, o sector industrial -especialmente para dotar de equipos sofisticados a empresas da automoción, a minaría ou o eido farmacéutico- ou o agroalimentario.

Exportacións

Máis de 170 empresas galegas venden os seus produtos a Suráfrica. Nos últimos cinco anos -a excepción do 2020, ano marcado pola pandemia- as exportacións de Galicia a este país africano non deixaron de medrar ata chegar a preto de 53 millóns de euros no ano 2022. Os principais sectores que exportan a Suráfrica son a automoción, a agroalimentación, a industria química, o eido da maquinaria, da madeira e o textil.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario