VÍA GALEGA vén promovendo diferentes campañas e iniciativas para propagar e popularizar os nosos símbolos nacionais, nomeadamente o himno e a bandeira
Os únicos que nos identifican e recoñecen como pobo, que fortalecen a nosa conciencia e cohesión nacional e contrarrestan a invasión da simboloxía española. O ano pasado, inauguramos como semana de exaltación e exhibición da bandeira a semana coincidente co aniversario do desenvolvemento, durante o 17 e 18 de novembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala. Moitas das propostas xurdidas daquela asemblea continúan en plena vixencia e seguen sen ser satisfeitas ao día de hoxe. Asinaban aquel manifesto, entre outras, personalidades tan sobranceiras coma A. R. Castelao, R. Cabanillas, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, V. Taibo, A. Villar Ponte, R. Villar Ponte e X. V. Viqueira.
Pois ben, este ano que se cumpren 105 anos da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, retomamos a campañas dándolle continuidade ao traballo iniciado o ano pasado e, así, durante a semana do 13 ao 18 de novembro, pretendemos cubrir toda a xeografía galega de bandeiras galegas, engalanando fiestras e varandas.
O sábado, día 18 de novembro, realizaremos actos expansivos, ás 12 da mañá, en diferentes localidades de toda Galiza, que consistirán, xunto co izado da bandeira galega en lugares vistosos para que perduren no tempo, recitar poemas relativos a nosa bandeira e a lectura do manifesto referido a xénese e significado dos nosos símbolos, a relevancia do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercer e existir como galegos e galegas. Ao día de hoxe, xa temos confirmación que decenas de localidades van realizar o acto e izado da bandeira, entre outras, Compostela, A Coruña Vigo , Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol,Teo, Ribeira, Outes, Pobra, Muros, Mazaricos, Arzúa, Fene, San Sadurniño, Cedeira, A Guarda, Melide A Mariña, Moaña, A Pobra do Brollón, Samos, Brión, Redondela, etc
Facemos un chamamento a participar nos actos do día 18 e para que do 13 ao 18 de novembro amosemos con orgullo a nosa bandeira, pendurándoa das nosas casas como símbolo nacional que nos cohesiona como pobo.