VÍA GALEGA fai un chamamento a participar nos actos previstos para o izado da bandeira deste domingo

por Redacción Galicia

VÍA GALEGA vén promovendo diferentes campañas e iniciativas para propagar e popularizar os nosos símbolos nacionais, nomeadamente o himno e a bandeira

Os únicos que nos identifican e recoñecen como  pobo, que fortalecen a nosa conciencia e cohesión nacional e contrarrestan a invasión da simboloxía española. O ano pasado, inauguramos como semana de exaltación e exhibición da bandeira a semana coincidente  co aniversario  do desenvolvemento, durante o 17 e 18 de novembro de 1918, da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala.  Moitas das propostas xurdidas daquela asemblea  continúan en plena vixencia e seguen sen ser satisfeitas ao día de hoxe. Asinaban aquel manifesto, entre outras, personalidades tan sobranceiras  coma A. R. Castelao, R. Cabanillas, Losada Diéguez, Peña Novo, Vicente Risco, V. Taibo, A. Villar Ponte, R. Villar Ponte e X. V. Viqueira.

Pois ben, este ano que se cumpren 105 anos da I Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, retomamos a campañas dándolle continuidade ao traballo iniciado o ano pasado e, así, durante a semana do 13 ao 18 de novembro, pretendemos  cubrir  toda a xeografía galega de bandeiras galegas, engalanando fiestras e varandas.

O sábado, día 18 de novembro, realizaremos actos expansivos, ás 12 da mañá, en diferentes localidades de toda Galiza, que consistirán, xunto co izado da  bandeira galega en lugares vistosos para que perduren no tempo, recitar poemas relativos a nosa bandeira e a lectura do manifesto  referido  a xénese e significado dos nosos símbolos, a relevancia do manifesto nacionalista das Irmandades da Fala e ao dereito a exercer e existir como galegos e galegas. Ao día de hoxe, xa temos confirmación que decenas de localidades van realizar o acto e izado da bandeira, entre outras, Compostela, A Coruña Vigo , Pontevedra, Lugo, Ourense, Ferrol,Teo, Ribeira, Outes, Pobra, Muros, Mazaricos, Arzúa, Fene, San Sadurniño, Cedeira, A Guarda, Melide A Mariña, Moaña, A Pobra do Brollón, Samos, Brión, Redondela, etc

Facemos un chamamento  a participar  nos actos do día 18  e para que  do 13 ao 18 de novembro  amosemos  con orgullo a nosa bandeira, pendurándoa das nosas casas como  símbolo nacional que nos cohesiona  como pobo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario