Arredor de 2.000 escolares participan esta semana nas competicións provinciais do programa da Xunta Xogade

por Redacción Deportes

A iniciativa involucrou o pasado curso a 135.000 nenos e nenas mutualizados no conxunto de Galicia

A Xunta de Galicia está a desenvolver a nova edición do programa Xogade (Xogos Deportivos Galegos en Idade Escolar) para o curso 2023/2024, que agrupa a programación deportiva escolar e federada promovida pola Administración galega.

Arredor de 2000 escolares participan na programación proposta para esta semana. Así, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, acompañou onte aos máis de 900 alumnos e alumnas que se deron cita na preparatoria de cros da Mariña, celebrada en Lourenzá. En días pasados disputáronse a preparatoria de cros da Terra Chá en Vilalba e unha xornada de bádminton en Cervantes, e durante o sábado e o domingo sucederanse os partidos de fútbol sala en distintos puntos da provincia.

Arias explicou que Xogade está aberto aos centros de ensino, ANPAs, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas ou asociacións, entre outros. Trátase dunha iniciativa da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que achega o financiamento a través do convenio anual coas federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares e dunha convocatoria de subvencións para os clubs deportivos; tamén inviste na contratación dun servizo de transporte.

En total, durante o pasado curso sumou na provincia máis de 6.700 participantes no que respecta á oferta concreta de deporte escolar, e asumiu os seguros deportivos doutros 10.600 rapaces e rapazas, dado que inclúe os dos deportistas federados de entre 6 e 16 anos.

Arias sinalou que este ano “as cifras poden ser aínda maiores” e explicou que, como novidade, estanse a organizar nestas primeiras semanas de curso actividades de promoción de distintas modalidades “que están a ter unha resposta extraordinaria”.

Na última edición estas actividades centráronse na escalada e piragüismo en “barco dragón”, e nesta ocasión engadíronse xornadas de billar na Mariña e no Corgo, de espeleoloxía na cova do Rei Cintolo (Mondoñedo), e de orientación en Viveiro e Lugo.

O delegado destacou o excelente estado de saúde do Xogade que no fin da campaña 2022/2023 acadou os máis de 135.000 nenos e nenas mutualizados no conxunto de Galicia, o número máis alto da historia e que representa a máis da metade de todos os escolares galegos de entre 6 e 16 anos -54,08%-.


O programa comezou no pasado mes de setembro a súa décimo quinta edición medrando, ademais de en participación, no número de federacións -xa son 39 tras a adhesión de baile deportivo e montañismo na tempada pasada- e na súa oferta -ata as 17 modalidades deportivas ao estrear neste curso a modalidade inclusiva do voleibol sentado e a actividade de encontros multideportivos-.

Entre as especialidades que se ofertan figuran atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, campo a través, dúatlon, fútbol sala, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol ou xadrez.

Outras propostas

Ao abeiro de Xogade ofrécense outras propostas, como Coñece o meu club, para facilitar aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Proxecto de vida activa e deportiva (PVAD), encamiñado a aumentar a actividade física saudable dos escolares; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; Xogos tradicionais e populares, cara á contribución ao seu arraigo na poboación escolar; así como actividades de promoción de escalada e piragüismo-dragóns entre outras modalidades que se poderán incorporar ao longo da tempada como breaking, deportes alternativos e tradicionais, parkour, remoergómetro…

O obxectivo é fomentar a práctica de actividade física entre a poboación escolar galega ao abeiro do Plan Galicia Saudable da Xunta de Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario