A UDC súmase á Semana Europea para a Redución de Residuos

por Redacción A Coruña

A campaña de concienciación sobre a prevención de residuos en Europa chega á Universidade da Coruña cun intenso programa de actividades que deu comezo o xoves 16 de novembro e se prolongará ata o día 30

A Universidade da Coruña, a través da súa Oficina de Medio Ambiente (OMA-UDC), vén de sumarse á Semana Europea para a Redución de Residuos, a maior campaña de concienciación sobre a prevención de residuos, que este ano leva por título o lema “Non te deixes envolver”, co que pretende facer visible o impacto ambiental da sobre-embalaxe de produtos. 

O programa de actividades deu comezo na UDC coa inauguración, o día 16 de novembro ás 11:00 horas, da exposición “O lixo na UDC: Modelo Nostián” na Facultade de Socioloxía, que estará no centro ata o vindeiro xoves 30 de novembro. O acto contou cunha visita guiada que contou cunha nutrida participación.

O mércores día 22 de novembro, ás 10:00 horas, tamén na Facultade de Socioloxía, terá lugar a actividade de voluntariado ambiental para o estudo da composición das distintas fraccións de residuos, obxecto da recollida separada, e para a análise da calidade da separación en orixe.

Na actualidade os diferentes centros da UDC contan con separación de residuos, e os resultados acadan entre o 70 e o 90% para papel, cartón e fracción seca.

Ademais, entre o 22 e o 30 de novembro, terá lugar no vestíbulo do Edificio Xoana Capdevielle a exposición fotográfica do concurso “Non te deixes envolver”, levado a cabo nas redes sociais da Oficina de Medio Ambiente, e no que se exporán as mellores fotos participantes.

A Semana Europea da Redución de Residuos anima a todos os europeos a levar a cabo iniciativas de concienciación sobre a xestión sustentable dos recursos e os residuos durante esta semana. Impulsados polas autoridades públicas locais e rexionais, reúnen a cidadáns, escolas, empresas, ONG e asociacións que organizan actividades de sensibilización sobre a redución dos refugallos.

A xeración total de residuos de envases na Unión Europea pasou de 66 millóns de toneladas en 2009 a 78,5 millóns de toneladas en 2019 (uns 173 kg anuais por habitante), cifra que aínda ascendeu post COVID-19 co aumento das compras por internet, e consumo “para levar”.

A prevención é clave para reducir o impacto ambiental dos envases. Este impacto varía segundo o material. Por exemplo, unha tonelada de plástico acada emisións de 1,8 toneladas de CO2e (equivalentes de CO2); 1 tonelada de papel ou cartón, emite 0,81 toneladas de CO2e; 1 tonelada de vidro emite 0,56 toneladas de CO2e; e 1 tonelada de madeira emite só 19 kg CO2e, segundo o Informe Eunomia de decembro de 2021, baseado nos datos de EUROSTAT.

Todas as actividades de educación para a sustentabilidade da OMA están suxeitas ao recoñecemento de créditos.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario