Trasládalle a preocupación, compartida polos centros educativos, a que se poida producir un problema de saúde pública
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, advertiulle ao Concello de Lugo dos graves prexuízos que está a causar nos colexios a folga do persoal do servizo municipal de limpeza.
Arias dirixiuse por carta á alcaldesa, como máxima autoridade da Administración á que compete a limpeza e mantemento dos centros públicos de primaria do municipio, «dado que a situación, lonxe de resolverse parece que se intensifica cada día que pasa». Neste sentido, lembra que xa se lles comunicou hai case un mes -o 27 de outubro- o estado no que se atopaban algunhas instalacións que, «a falta de solución, hoxe están aínda peor».
O delegado trasládalle a súa preocupación por que se poida producir un problema de saúde público, tal e como reiteraron nas últimas semanas numerosos centros educativos ante a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
Por elo, solicita á alcaldesa que tome as medidas adecuadas para asegurar o restablecemento da situación hixiénica dos centros, xa que «dentro das súas funcións, vostede debe garantir o dereito á seguridade e saúde do alumnado e dos demais traballadores dos centros educativos que permanecen neles durante xornadas prolongadas».