Dioivo presentará no Pub Transylvania de Vigo o seu novo álbum ‘Cara os Ceios Incrementes’

por Redacción Galicia

O concerto terá lugar o vindeiro día 23 de decembro, sábado, e nel, o dúo estará acompañado por Karracho e os segovianos Mortal Maze

O dúo vigués de metal en galego Dioivo presentará ao vivo o seu novo álbum Cara os Ceios Incrementes na súa cidade natal o vindeiro día 23 de decembro, sábado. Esta data vén culminar a serie de concertos que o grupo formado en 2016 está a realizar co seu novo traballo baixo o brazo, que os levou por Palma, Madrid, Salceda de Caselas, Sarria e A Coruña. Non podería ser noutro sitio que no Pub Transylvania de Vigo, no que levan máis de nove anos tocando e que consideran xa «a súa segunda casa».

Este concerto será moi especial para o grupo por diversas razóns. Por unha banda, porque nel estarán acompañados da nova formación de punk rock viguesa Karracho, unha das agrupacións máis destacadas da máis nova xeración de artistas da cidade, e polo conxunto de speed/thrash metal segoviano Mortal Maze. Con estes últimos xa coincidiron en 2018 no escenario do Mortal Fest de Segovia, polo que o dúo galego xa ten moitas ganas de tocar de novo con este cuarteto formado en 2016. Os segovianos visitarán Vigo por primeira vez, e presentarán no concerto o seu álbum homónimo lanzado en 2021.

Por outra banda, o concerto de presentación de Cara os Ceios Incrementes no Transylvania está marcado a lume no calendario de Dioivo porque nel contarán con diversas colaboracións de diferentes artistas da escena viguesa. Os seus nomes serán anunciados proximamente pola banda nas súas redes sociais. O dúo acostuma a contar con colaboradores tanto en concertos, nos que xa teñen contado por exemplo coa axuda de membros de bandas como Mileth, Lóstregos, Sulf-Atär, Infrahumano ou Gracias por Nada, como no estudio. Cancións como «Retorno a Tagen Ata», baseada na novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín e que conta coa participación do propio autor, ou a súa versión de «Unha de guerra» de Desvirgheitors coa colaboración da baixista fundadora desta banda, Pili Dios, así o atestiguan.

O concerto conta tamén con diversas entidades colaboradoras. Concretamente, cos colectivos metaleiros da cidade Musik Attack, Raposos Crew, Metal Nostrum Metal & Hard Rock, Vigo Rock Crew e Vigo Metalheads, así como coas estatais Spanish Thrash Metal Brotherhood e Asalto Mata Radio Rock. As entradas anticipadas para o evento teñen un prezo de 5€, e poden conseguirse contactando coas bandas a través das súas redes sociais. Tamén haberá entradas dispoñibles na billeteira o propio día do concerto, a un prezo de 7€. As portas da sala abrirán ás 21:00.

O dúo vigués vén de participar no festival Extreme Division Mallorca, en Palma, no que interpretaron a súa música por primeira vez nas Illas Baleares ante un público de centos de persoas. Neste festival participaron así mesmo bandas tan destacadas como o veterano trío estadounidense Master, a barcelonesa Vidres a la Sang, a asturiana Totengott ou as mallorquinas Trallery, Marasme e Unicornium. De camiño, Dioivo fixo tamén unha parada en Madrid, onde actuaron na sala Entre Darts Rock de Carabanchel xunto aos locais Helix Nebula e Southgate.

Anteriormente, o grupo xa presentou Cara os Ceios Incrementes en varias salas de Galicia. Concretamente, na Sala Filomatic de Coruña xunto a Portofranco e Lost Minnow, na ACDE Buril de Sarria xunto a Mutualistas e Aneuma, e no Centro Social O Matadoiro da ACDE Treze Catorze de Salceda de Caselas xunto a Elefantes Mutilados. Os vigueses anunciarán próximamente novas datas de concertos para o vindeiro ano 2024, nas que continuarán a presentar a súa nova música, nas súas redes sociais.

Cara os Ceios Incrementes foi lanzado no pasado mes de xuño pola discográfica independente grega Sleaszy Rider Records, especializada en música metal. O álbum incluíu cancións como «Cabeiros» ou as adaptacións literarias «Que importa que nos craven as cadeas» e «Hai sede na Nova Galicia», que musicalizan os poemas homónimos de Darío Xohán Cabana e Florencio Delgado Gurriarán respectivamente. Estes tres temas viñeron acompañados dos seus correspondentes videoclips, realizados respectivamente por Brais Gómez Salvador, Emilia Vidal-Hallett e YOD Multimedia.

Ademais deste novo álbum, Dioivo presentará tamén sobre as táboas do Transylvania o seu último sinxelo «Por 100 anos máis». Este tema está adicado ao Celta de Vigo polo centenario da fundación do club, e foi lanzado o pasado día 17 de setembro, coincidindo co cabodano da lenda celeste Hermidita e co día seguinte ao 20 aniversario da estrea do equipo vigués en Champions. A canción, que se suma á longa lista de obras musicais realizadas para conmemorar esta efeméride liderada por «Oliveira dos Cen Anos» de C. Tangana, contou tamén cun videoclip realizado polo seu colaborador habitual Brais Gómez Salvador. Sumouse así á xa ampla discografía dos vigueses, que contan no seu haber con outro álbum de estudio, Dioivo II (2019), cos EPs Dioivo (2016) e Dioivo III (2021), e con diversas maquetas e sinxelos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario