A II edición dos Premios do Deporte Deputación da Coruña recoñecerá aos deportistas e clubs máis destacados da provincia

por Redacción Deportes

Os galardóns buscan distinguir publicamente ás persoas, equipos e entidades que destaquen pola súa traxectoria deportiva, logros ou contribución ao fomento da práctica deportiva

A Deputación vén de convocar a II edición  ‘Premios do Deporte Deputación da Coruña’, unha iniciativa coa que se pretende recoñecer a actividade dos deportistas, equipos e entidades máis destacadas da provincia.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases dos galardóns, que buscan distinguir publicamente ás persoas e entidades da provincia que destaquen pola súa traxectoria deportiva, logros acadados ou a súa contribución ao fomento da práctica deportiva.

Poderán presentar candidaturas todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan relación ou estean interesadas na práctica ou promoción do deporte. Ademais, os membros que formen parte do xurado poderán presentar candidaturas ao resto dos membros.

Establécense 15 candidaturas diferentes de premios: Mellor deportista masculino, Mellor deportista feminina, Mellor deportista veterano masculino, Mellor deportista veterana feminina, Mellor deportista promesa masculino categoría base, Mellor deportista promesa feminina categoría base, Mellor deportista con diversidade funcional masculino, Mellor deportista con diversidade funcional feminina, Mellor adestrador, Mellor árbitro/a xuíz/a, Mellor entidade colaboradora, mellor evento deportivo, mellor entidade na promoción do deporte de base, mellor entidade na promoción do deporte inclusivo ee premio a toda unha vida dedicada ao deporte.

Ademais, o xurado resérvase o dereito de realizar ata catro mencións, sempre que o considere oportuno, para aquelas persoas ou entidades que desenvolvesen unha actuación no ámbito do deporte digna de ser destacada a nivel provincial.

Os premios consisten nun galardón conmemorativo e un diploma acreditativo, ademais do recoñecemento social que a Deputación promoverá a través dos medios de comunicación e das súas redes sociais.

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 10 de xaneiro de 2024, e remata o 31 de xaneiro de 2024ás 14 horas. As solicitudes tramitaranse sempre de xeito telemático a través da sede electrónica da Deputación.

O xurado estará presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, xunto con cinco xornalistas deportivos ou persoas de recoñecido prestixio no ámbito do deporte.

A Deputación organizará en 2024 unha Gala do Deporte, aínda sen data establecida, na que se convidará as persoas e entidades participantes, onde se fará pública a concesión dos premios, facendo entrega de todas as distincións aos premiados e premiadas.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario