As obras supoñen un investimento de 758.132 euros e prevese que estén completadas no verán de 2024
A Deputación da Coruña comezou as obras de mellora da seguridade peonil na estrada provincial DP- 4802 ao seu paso polo núcleo de San Xoán de Vilanova, no termo municipal de Miño.
O portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo supervisaron os primeiros traballos dunha obra que abarca un tramo de un quilómetro e supón un investimento de 758.132 euros.
Segundo explicou Bernardo Fernández, as obras supoñen a demolición das beirarrúas actuais de baldosa hidraúlica, «moi deterioradas polo paso do tempo e con importantes eivas en canto a seguridade e accesibilidade» e a execución de «novas beirarrúas sen bordillo, a nivel da calzada e separada desta mediante un caz de formigón, na liña de sendas que executa a Deputación nas estradas provinciais e coas que se logra unha mellor accesibilidade e integración no medio».
A deputada de Vías e Obras destacou que a Deputación leva construido máis de 60 quilómetros de sendas penís nas estradas provinciais nos últimos anos e destacou que o proxecto «suporá unha importante mellora para a seguridade dos peóns nunha estrada que rexistra un intenso volume de tráfico».
Pola súa banda, o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que se trata de «dunha obra moi necesaria que mellorará de xeito importante a mobilidade da veciñanza». «Agradézolle á Deputación que atendese a nosa demanda»; remarcou o rexedor.
A senda executarase en formigón coloreado e terá unha anchura de entre 1,50 e 2 metros, segundo o tramo.
As obras contemplan ademáis a renovación da capa de rodaxe da estrada entre os puntos quilométricos 1+971 e 2+978 e a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais para evitar as acumulacións de auga na calzada.