O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia acusa ao alcalde, Amador Díaz, de atentar gravemente contra o patrimonio histórico do Camiño de Santiago

por Redacción Ourense

Concretamente na Vía da Prata, ao seu paso pola capital da Limia. Os e as socialistas denuncian que a actuación levada a cabo no empedrado do camiño, en pleno casco vello de Xinzo, substituíndo as lousas de pedra por asfalto aglomerado en numerosos puntos “é unha auténtica chapuza e un completo despropósito patrimonial”.

O grupo municipal socialista solicitará información desta “cuestionable” actuación, que consideran que “atenta contra o patrimonio e estraga a calidade do Camiño, polo que transitan os peregrinos e as peregrinas a diario”. Os e as socialistas afirman que “estamos ante unha clara mostra do que non se debe facer no urbanismo e no mantemento do patrimonio” e apuntan a que pedirán que “sexa substituído por outra fórmula menos agresiva”.

“A falta de sensibilidade do actual goberno, encabezado por Amador Díaz, pon en evidencia as eivas do equipo de goberno, en canto o que se pode ou non se pode facer nas actuacións mais sensibles”, explica a voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández. A edil socialista lembra que este punto concreto da vila “conta con protección e calquera actuación debe seguir as recomendacións da guía de boas prácticas nas actuación do Camiño de Santiago”.

Na mencionada guía de boas prácticas indícase que “para a preservación dos valores paisaxísticos dos camiños é fundamental que, na redacción dos instrumentos de planeamento e na súa xestión, se teña en conta a protección dos valores do camiño no interior dos núcleos”. Tal e como indica Lama Fernández a propia guía tamén subliña que “para a elección dos materiais deben terse en consideración os empregados de maneira tradicional na zona e as características da contorna, primando os materiais naturais como a pedra, aos que poden achegar un bo envellecemento natural como o formigón”.

Dende o PSOE de Xinzo consideran que as lousas rotas do empedrado e cubertas provisionalmente por pranchas de ferro “ben se podían ter substituído, como recomendan, por formigón do mesmo cor que a pedra, como se finxo en algún punto concreto”. Os e as socialistas tamén afirman que o goberno de Díaz “leva meses sentado agardando pola chegada do Plan Hurbe, xa redactado no anterior mandato, pero segundo parece aínda foi enviado á Xunta de Galicia por segunda vez e continúa pendente de resolución”. A isto súmase a “falta de compromiso” nos orzamentos da Xunta, que segundo apuntan dende o PSdeG-PSOE “non contempla este investimento de preto de 1 millón de euros nos orzamentos de 2024”.

O camiño de Santiago Vía da Prata atravesa Xinzo de Limia polas rúas Lepanto, Constitución e Galicia e presenta a dificultade de lousas “estragadas” polo continuo paso de vehículos pesados, camións de reparto e pola recollida de lixo, ademais de por ser un punto no que se concentran un bo número de negocios de hostalería, o que provoca continuas roturas de lousas de pedra que se repoñen cada pouco tempo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario