José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, destacou este mércores “o compromiso dos socialistas” na loita contra a violencia de xénero coa creación dun xulgado específico en Ourense por parte do goberno de España.
A tres días da celebración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o candidato do PSdeG acudiu a Ourense para poñer en valor o “compromiso especial” do goberno socialista para crear un xulgado exclusivo para atallar os casos de Violencia de Xénero en Ourense ao igual que se fará coa creación de novos xulgados en Ferrol, Lugo, Pontevedra e Santiago, sumándose aos xa existentes na Coruña e en Vigo
Considera que a creación deste novo xulgado é unha “moi boa noticia” que permitirá “seguir nesa loita constante para que non se produzan máis actos de violencia de xénero, loita coa que os socialistas estamos comprometidos”, engadiu. “É unha medida que a cidadanía demandaba e que é moi necesaria ante a saturación do xulgado de instrución nº 3 que asume ata o de agora estes casos”, sinalou o líder socialista.
O candidato socialista lembrou que este novo “compromiso” súmase ao traballo xa realizado polo goberno de España coa transferencia de 60 millóns de euros á Xunta e aos concellos galegos, dende o ano 2018, para loitar contra a Violencia de Xénero.
Así mesmo, reivindicou a importante mobilización de recursos por parte do executivo central que busca desenvolver as actuacións previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Entre elas, destacou a creación dos Centros de atención integral 24h a vítimas de violencia sexual, “cuxa implantación comezará polas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo”, sinalou. “Nestes centros ofrecerase acompañamento, información e facilitarán atención psicolóxica, xurídica e social para vítimas, familiares e persoas da contorna mediante persoal cualificado”, explicou Besteiro.
Besteiro lembrou que agora hai 431 casos activos de mulleres vítimas deste tipo de violencia na provincia, aos que hai que sumar 5 novos casos nos últimos seis días. Lamentou que esta lacra xa arrebatou a vida de 68 mulleres que foron asasinadas en Galicia dende que se recollen estas estatísticas, “unha realidade que segue sendo insoportable e que precisa máis medios, máis educación e máis igualdade”
NON IMOS ACTUAR COMO O PP NUNCA
Besteiro foi preguntado polos xornalistas sobre se considera que o ex presidente da Deputación de Ourense e senador do PP, José Manuel Baltar, debe dimitir ao abrir o Tribunal Supremo unha causa contra el por delito contra a seguridade viaria.
Besteiro lembrou que el tamén sufriu “a persecución política”, que lle levou a dimitir, a pesar de ter a convicción da súa inocencia en todo momento. Por elo, remarca que “a diferencia do Partido Popular, que tivo moito que falar tamén no meu caso” e que está a “xudicializar a vida política” na actualidade, apuntou que “nós non imos actuar da mesma maneira que o fai o PP, nós sabemos o que facemos neses casos, que temos un código ético e ante a apertura de xuízo oral esiximos a dimisión”.
O candidato socialista engadiu que “O PP é libre de facer o que lle pareza. Nós non imos entrar nese xogo de xudicialización da política porque a xente sabe como nos comportamos no pasado, no presente e como nos imos a comportar no futuro, somos un partido fiable” ante este tipo de situacións. Ao que engadiu coa advertencia de que “non esperen que actuemos como o PP, nunca”.