Sinala que tamén defenderán que o Concello de Monforte pida colaboración a Goberno central e Deputación de Lugo para garantir a prestación das novas competencias que esta lei establece para os municipios
Os concelleiros da Agrupación Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos defenderán no pleno deste mes unha iniciativa para que o Concello monfortino comece a dar cumprimento ás obrigas recollidas na lei de 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais — coñecida como Lei de benestar animal — ademais de consignar a financiación necesaria nos orzamentos do ano vindeiro ano.
Recordar a voceira popular, Katy Varela, que recentemente, o 29 de setembro de 2023, entrou en vigor esta lexislación, 6 meses despois da súa publicación. Esta Lei estatal ten carácter básico na maior parte do seu articulado, pese a que algúns artigos son ditados con fundamento en competencias exclusivas do Estado (DF 6ª.2), e, en tanto, vén precisar ou redefinir as competencias locais en materia de dereitos e benestar dos animais de compañía e silvestres en cautividade.
Unha parte importante desta Lei resulta de aplicación ás entidades locais, incidindo de maneira notable nas competencias dos municipios, atribuíndo a norma directamente aos Concellos algunha das competencias e obrigas relativas á protección e benestar destes animais, como:
- A dotación dunha instalación temporal municipal para albergar aos animais extraviados e abandonados ata a súa recollida polo servizo correspondente, con independencia de que existan concertos, convenios ou contratos para a prestación do servizo de recollida de animais e o seu aloxamento nun centro de protección animal
- Un servizo de urxencia para a recollida e atención veterinaria destes animais as vinte e catro horas do día
- O coidado dos animais desamparados ou cuxos titulares non poidan atendelos
- Identificación dos animais abandonados ou extraviados no momento da entrada no centro de acollida a nome do Concello cando se descoñeza o seu propietario
- O control de colonias felinas coa identificación mediante microchip, rexistrada baixo a titularidade da Administración local competente, e a esterilización cirúrxica de todos os gatos comunitarios; así como a xestión das devanditas colonias
Numerosas obrigas ás que moitos municipios non poden facer fronte, polo que “para garantir que o Concello de Monforte si que pode asumir estas novas competencias debe instar ao Goberno central a que anualmente consigne nos Orzamentos Xerais do Estado as cantidades necesarias e suficientes que permitan garantir a prestación dos devanditos servizos por parte das entidades locais”.
Katy Varela tamén ve necesaria a colaboración da Deputación Provincial, polo que tamén defenderá que o concello monfortino inste ao equipo de goberno provincial para que a Deputación de Lugo realice todas aquelas actuacións que sexan precisas para colaborar co Concello de Monforte de Lemos, ben sexa a través da sinatura de convenios, a construción das instalacións adecuadas ou calquera outro mecanismo que se considere oportuno para garantir a prestación dos servizos de competencia municipal aos que fai referencia a Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais.