A peza, unha adaptación teatral da compañía Pérez&Fernández da novela homónima de María Solar, recibiu o III Premio Luísa Villalta e o Premio María Casares á mellor proposta de teatro xuvenil
O venres 24 de novembro o Forum Metropolitano da Coruña acolle ‘Os nenos da varíola’ da compañía Pérez&Fernández, unha adaptación teatral da novela homónima de María Solar.
A obra chega ao Fórum cando xusto se cumpren 220 anos da saída da Real Expedición Filantrópica da Vacina desde o do porto da Coruña. Foi en novembro de 1802 e a expedición contaba con 22 nenos e nenas procedentes de orfanatos que permitiron facer chegar a vacina contra a varíola aos territorios de ultramar, na que foi considerada unha das maiores xestas médicas levadas a cabo na historia da humanidade.
Pérez&Fernández en coprodución co Centro Dramático Galego presenta unha peza teatral con altas doses de realidade histórica, tenrura e humor que toma como eixe central a vida dos nenos e nenas da Casa de Expósitos da Coruña. A peza relata como chegaron a ser os heroes da Real Expedición Filántropica da Vacina e como Isabel Zendal, a reitora da Casa dos Expósitos, foi a heroína máis esquecida pese a ser un dos piares imprescindibles da expedición.
Cun elenco formado por Manu Fernández, Isabel Risco, Victoria Pérez e Xosé Leis ‘Os nenos da varíola’ recibiu o III Premio Luísa Villalta á igualdade da Deputación da Coruña e o Premio María Casares á mellor proposta de teatro xuvenil en 2021.
O 24 de novembro a obra contará con dous pases ás 12 horas, para público escolar, e ás 21 horas, en aberto. As entradas poden adquirirse en Ataquilla.com