Por iniciativa da AC Os Penoucos
Tras presentar a Asociación Cultural Os Penoucos a solicitude e preparar minuciosamente a documentación (12/2/2023) para a inclusión no Catálogo galego de árbores senlleiras das dúas sobreiras existentes na necrópole da Capela dos Martores, hoxe sae publicado no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fai efectiva a declaración destas sobreiras como árbores senlleiras de Galicia, converténdose nas dúas primeiras con esta categoría do Concello de Valga. Segundo figura en dita resolución, os motivos da catalogación son o porte, a dendrometría, a idade, a estética e a significación histórica e cultural.
Os dous exemplares para os que se solicitou a catalogación como árbores senlleiras son da especie Quercus suber L., pertencente á familia Fagaceae. Son moitos os nomes polos que se coñece a esta especie, mais os máis usados na zona son os de sobreira, corticeira ou corticeiro. Os indicadores dendométricos das sobreiras máis salientables son a súa altura (16,8 e 18,9 metros) e a súa idade estimada sitúase entre os 200 e 300 anos.
As sobreiras están localizadas nun lugar cargado de historia, nunha antiga necrópole sobre a que se edificou a Capela dos Martores e ao carón dunha fonte con fama de milagreira. Alén disto, emprázanse na traza dun antigo camiño sacramental, que coincide coa actual Vía Mariana Luso-Galaica; polo que se percorre, na contorna máis inmediata ás sobreiras, un cruceiro, dous muíños, unha cruz e unha pontella sobre o río Valga.