O BNG defenderá unha proposición no vindeiro pleno municipal para reclamar a mellora de condicións das traballadoras da limpeza, que levan en folga desde o pasado 16 de outubro. O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que este sector «da emprego na actualidade arredor de 1800 traballadoras, e o seu convenio colectivo actual rematou a súa vixencia o día 31 de decembro de 2021». As concelleiras e concelleiros do BNG visitaron a caravana instalada pola CIG nas inmediacións da Xunta de Galiza, e entregaron unha copia da moción presentada ás traballadoras en folga.
Arroxo afirmou que a limpeza «é un sector maiormente feminizado e precarizado, onde o 95% do persoal son mulleres maiormente contratadas a tempo parcial», e engadiu «isto supón unhas condicións laborais moi precarias fronte a unha patronal con empresas multinacionais con sede en Madrid e en mans das fortunas máis importantes do Estado».
Desde ese momento, hai case 2 anos, as traballadores e traballadores do sector están regulados por un convenio colectivo cuxas táboas salariais son inferiores ao marcado polo S.M.I. Tras meses de demanda pola parte social de reclamar á patronal a negociación dun novo convenio colectivo, demanda á que a patronal estivo dando largas para finalmente na primavera deste ano 2023 sentarse a negociar cunha proposta que suporía continuar por baixo do Salario Mínimo Interprofesional.
Nesta situación as traballadoras reinvidican a sinatura dun convenio colectivo digno que garanta como mínimo superar o SMI e que garanta manter o poder adquisitivo en base a unha cláusula de revisión salarial, situación fronte á que a Patronal Estatal ASPEL actúa con absoluta pasividade.