Os Bombeiros Comarcais responden a Diego Calvo. «Non houbo unha primeira proposta»

por Redacción Galicia

Na xornada de onte, 22 de novembro, no Pleno do Parlamento de Galicia, o grupo do BNG dirixiu unha pregunta ao goberno da Xunta de Galicia: “Cales foron as actuacións realizadas polo Goberno galego para a mellora da dotación e das condicións laborais dos cadros de persoal dos consorcios provinciais de extinción de incendios e salvamento?. A esta pregunta respondeu o señor Diego Calvo, vicepresidente da Xunta de Galicia, quen deu a entender que Xunta e Deputacións estaban a traballar nunha segunda proposta coa que se pretende que os traballadores desistamos de manter as nosas reivindicacións e demos por rematado o conflito laboral.

Desde o Comité de Folga dos Bombeiros Comarcais quixeramos facer unhas observacións a tenor destas declaracións.

1º. Non houbo nunca unha primeira proposta para tentar poñer solución ao conflito no que nos atopamos.

A finais do ano 2018 asinouse un preacordo marco para a subrogación do persoal dos parques de bombeiros que por aquel entón xestionaban empresas privadas. Ese acordo supeditaba a que cada consorcio provincial o formalizara a modo de acordo coas particularidades que se estimaran. Así, a comezos de 2019, o consorcio lucense, oficializa un acordo de subrogación que contén unha serie de obrigas para a parte traballadora (basicamente manter as condicións de traballo que arrastraban os bombeiros dende as empresas privadas) e tamén para o propio consorcio, que tería que unificar os dous convenios colectivos que afectaban ás anteriores concesionarias no momento da subrogación. Esta fórmula extrapolouse ás outras provincias conforme ían cambiando a xestión directa os diferentes servizos.

Mais de catro anos despois, sen esa unificación de convenios realizada de oficio polos consorcios, e xa inmersos en conflito polos repetidos abusos e falta de palabra das institucións, téntase desde a parte traballadora, abrirse unha mesa de negociación, impoñendo dende a Xunta a esixencia de que se acorde un “protocolo de negociación”. Esta proposta, esixía á parte traballadora que desconvocaramos a folga, a cambio, os Consorcios unificarían os convenios colectivos, naquelas provincias onde agora convive máis dun (todas agás Pontevedra) e recoñecerían a fixeza dos postos de traballo dos bombeiros subrogados. Basicamente a proposta que facían as administracións, para comezar a negociar, era que se comprometian a cumprir o que xa se comprometeran anos atrás e a maiores cumprir cos imperativos que establece o Tribunal Supremo no tocante á fixeza dos postos de traballo, e esixían a cambio que se desconvocara a folga pola nosa banda, para poder comezar a negociar un novo convenio que resolvera a situación de conflito na que estamos inmersos.

2º. Dende o Comité de Folga seguimos sen ter resposta por parte das administracións logo de que nas tres últimas citas convocadas pola parte traballadora non se presentara ninguén en nome de Xunta e Deputacións. Tampouco se nos trasladou resposta ao noso último convite para reunirnos cando e onde digan eles (sendo o lugar terreo neutral), mostrando a parte traballadora a máxima flexibilidade ao respecto.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario