Cristina López: «Os concellos son as administracións máis próximas, polo que temos que promover ferramentas para visibilizar e loitar contra a violencia de xénero»
A concelleira Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inauguraron na Praza de Abastos e no Mercado Municipal un lazo morado que recorda ás vítimas da violencia contra as mulleres.
Este 25 de novembro, celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, «unha data na que debemos amosar a nosa repulsa contra a violencia machista, unha verdadeira pandemia letal para miles de mulleres no mundo», explicou Cristina López.
A concelleira de Participación destacou que «desde o Goberno de Lugo traballamos para que todas as actividades sirvan tamén como espazo de concienciación sobre a violencia machista, dándolle visibilización e traballando en mellorar a concienciación da sociedade». Neste eido, Cristina López lembrou que «os concellos son as administracións máis próximas, polo que temos que promover ferramentas para visibilizar e loitar contra a violencia de xénero».