O PSdeG de Ourense alerta de que a facenda alemá está levando a cabo unha retención “indebida” do IRPF en pensións de empresas

por Redacción Ourense

Os e as socialistas explican que varios emigrantes retornados de Alemaña puxéronse en contacto coa secretaría provincial de migracións ao recibir notificacións da facenda española por non realizar a declaración da renda do ano 2021. Crendo estar exentos ao estar por baixo dos 14.000 euros anuais “sorprendéronse” do requirimento.

A orixe desta problemática “radica nas pequenas pensións das empresas onde traballaron os retornados en Alemaña”, explica o secretario provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Luís Gulín Iglesias, que tamén apunta que a estas pensións privadas “retívoselles indebidamente o IRPF para o estado alemán”. Tal e como argumenta Gulín “isto non procede, xa que estas persoas perciben as súas pensións antes do 1 de xaneiro de 2015, data na que se establece, polo convenio de dobre imposición entre Alemaña e España, a implantación do chamado imposto do 5% sobre as pensións alemás”.

Estes retornados, ao calcular os seus ingresos para comprobar a súa obrigatoriedade en declarar en España no ano 2021,  saíalles entre 13500 a 13800 euros anuais. Neste, caso non se deron conta que á pensión privada alemá aplicóuselle unha retención anual de 300 a 600 euros, circunstancia descoñecida por todos. Isto provocou que os seus ingresos reais a declarar por pouco exceden os 14.000 euros establecidos como límite a declarar.

A secretaría provincial de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense púxose en contacto coas diversas empresas pagadoras desa pensión e coas respectivas facendas locais alemás, tramitando a exención dese imposto e a devolución correspondente aos interesados. Con todo, as empresas pagadoras lembran que enviaron notificacións informando desta circunstancia co rogo de informar se procede ou non. “Ao estar redactadas en alemán, os e as retornadas non prestaron atención”, afirman dende a área de migracións, dende a que tamén insisten en “conservar toda a documentación necesaria para a próxima campaña de declaración da renda”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario