Denuncian a paralización das obras nas cinco rúas da contorna da Escola Infantil e o IES de Pastoriza (Arteixo)

por Redacción A Coruña

As obras, paradas desde xullo, están a provocar perigo para os viandantes pola falta de accesibilidade ás beirarrúas. O grupo municipal socialista tamén demanda o arranxo urxente das goteiras na biblioteca no Centro Cívico de Meicende

O grupo municipal socialista de Arteixo preguntará no pleno de novembro pola paralización das obras de urbanización de cinco rúas na contorna do Instituto e a Escola Infantil de Pastoriza que están a provocar inseguridade vial para a comunidade educativa e a veciñanza.

A voceira do grupo municipal socialista, Ana Cedeira, sinala que o goberno local anunciou xa hai máis de cinco anos, a mediados do ano 2018, que realizaría as obras de urbanización de cinco rúas na contorna do Instituto e a Escola Infantil de Pastoriza (as rúas Furoca, Campanilla, Millareira, Lagarto e a Avenida Agraverde) co  obxectivo de mellorar de forma importante a urbanización dos viais máis próximos aos dous centros escolares que existen neste ámbito de Pastoriza para dotalos de beirarrúas, pavimento e mobiliario público coa conseguinte mellora na seguridade vial.

Os socialistas denuncian que as obras comezaron hai moitos meses pero levan paralizadas dende o mes de xullo, e a súa portavoz explica que neste momento a zona presenta a instalación dunhas vallas “perigosas para os viandantes, a rúa está chea de fochancas e sen accesibilidade ás beirarrúas”,  e sostén que ”a comunidade educativa e a veciñanza da zona están preocupados pola situación que están a vivir sen contestación por parte do goberno local” polo que levarán o asunto ao pleno para que o goberno local explique  cal é o motivo de ter nesta mala situación a contorna  do IES e a Escola Infantil de Pastoriza e cando teñen previsto deixar a zona nun estado seguro.

Goteiras no Centro Cívico de Meicende

No ano 2015 comezou a andar o novo Centro Cívico de Meicende e coa inaguración do edificio instalouse a biblioteca municipal Antón Castro que se atopa nas estancias deste espazo municipal.

Os socialistas arteixáns veñen de recibir queixas da veciñanza que denuncian o mal estado do teito da biblioteca e as goteiras que aparecen no seu interior dende hai moito tempo sen que o goberno local lle poña freo a esta situación polo que lle reclaman ao goberno local que repare tanto o teito coma as goteiras da Biblioteca Antón Castro de Meicende o máis cedo posible.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario