O próximo xoves 30 de novembro ás 19:00h abrirá no barrio da Milagrosa en Lugo a Galería de Arte Contemporánea NÉBOA
NÉBOA é unha galería de arte contemporánea, un espazo cuxa poética se centra na emoción, no sentimento máis que na razón. NÉBOA nace coa vocación de representar a arte que conecte coas orixes, coa natureza, coa esencia.
A idea de NÉBOA naceu a principios deste ano. O nome da galería describe a incerteza do que pode haber máis aló e non vemos, temos que aproximarnos para sentir o que nun primeiro momento intuímos, conceptualmente isto é extraordinario. Por outra banda, a beleza e sonoridad da palabra néboa lémbranos o fenómeno meteorolóxico máis característico de Lugo, queríamos que o nome da galería involucrase dalgún xeito a idea de ter que achegarse, aproximarse para poder abrazar a ARTE, para poder abrazar a cidade amurallada.
O xoves 30 de novembro ás 19:00h inaugúrase a galería NÉBOA con Non hai dúas sen tres da compostelá Carlota Pereiro (1988) na Rúa Lamas de Prado 31, Lugo. A concepción desta exposición xurde no momento puntual no que a artista contempla unha das súas recentes obras e decátase da existencia dun mundo tríptico en forma de realidade arcana organizada arredor do número tres.
A regra do tres imponse en lemas e slogans. Liberté, égalité, fraternité. De feito, en latín existe a expresión omne trium perfectum traducido por «todo o que vén en grupo de tres, é perfecto». O patrón dos tres elementos, aporta á escrita brevidade, facilidade para lembrar e ritmo. Introdución, nó e desenlace. Incluso os refráns e ditos populares inclúen o tres. Corre, vai e dille, na súa xenuina acepción. Tres, tres, tres… María, Xesús e Xosé; os tres elementos do átomo; os tres Reis Magos; as tres grazas; o trisquel; pasado, presente e futuro; pensamento, palabra, acción; sexo, drogas e rock and roll; sangue, súor e bágoas… Non hai dúas sen tres… O infinito inventario que alimenta o noso ideario colectivo no que se cobiza o equilibrio.
Pois ben, a tríade, a máxica conxunción que latexa no interior da artista e bule por saír, por espallarse e amosar o seu particular equilibrio ao facerse cor, forma e volume para encher o espazo, asolagando o branquecino marco de tres paredes baleiras, a base de retazos tomados espontáneamente, de xeito visceral e sen organización premeditada e cuxo conxunto, o todo como suma das partes, tenta transmitir a ledicia da súa percepción do mundo e facer do gozo a derradeira esencia da súa ARTE.
Carlota Pereiro (Santiago de Compostela, 1988) é graduada en Administración e Dirección de Empresas e mestrado en Deseño Textil e Superficies no Instituto Europeo de Deseño de Madrid. Recentemente expuxo de forma individual na Galería Arniches26 (Madrid) a mostra Ajuar e na Galería Marimón (Palma de Mallorca) Malo será. Participou na última edición de Estampa coa galería Materna y Herencia (Madrid) e en Urvanity 2022, con Arniches26 (Madrid). Ademáis, desenvolve un gran labor de deseño e colabora habitualmente dende hai unha década co Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, amais de colaborar con entidades e organismos como Ateneo de Madrid, AC Hotels by Marriot, Comisión Española de Ayuda al Refugiado (CEAR), Ayuntamiento de Madrid ou a Comisión Europea, entre outros. Con Non hai dúas sen tres Carlota regresa a Galiza despois de Mi camino no espazo cultural do Aeropuerto de Santiago de Compostela no 2019.