Os socialistas de Arteixo denuncian que o sistema de becas comedor do concello non funciona

por Redacción A Coruña

O grupo municipal socialista denuncia novamente que os sistemas de becas de comedores escolares do concello de Arteixo non cumpre co fin básico da axuda, “que non é outro que facilitar que os escolares de Arteixo teñan acceso a unha alimentación digna e saudable”.

Os socialistas argumentan que ata o 2019 os beneficiarios tiñan que adiantar os cartos do servizo e esperar moitos meses para poder cobrar un diñeiro adiantado que algunhas familias que non están en risco de exclusión, e que por tanto non son usuarias de servizos sociais, dificilmente podían soportar e que según explica a voceira socialista, Ana Cedeira, “producía que usuarios necesitados desta axuda renunciasen a mandar aos seus fillos e fillas aos comedores dos nosos colexios”,

Cedeira engade que en 2019 se modificou o sistema para que fosen directamente as ANPAS ou as empresas que xestionan os comedores dos centros educativos as que xestionaran as axudas e evitar que as familias tiveran que asumir un gasto que non podían permitirse. Pero neste 2023 según a concelleira socialista “nalgúns colexios as ANPAS ou empresas de xestión non poden ou queren adiantar o pago de dito servizo a todas as familias con dereito a becas” e algúns  escolares quedan sen acceso ao comedor pola incapacidade económica das súas familias.  

Un deportista individual da Coruña reciba 50.000 euros de subvención nominal sen ter ao seu cargo unha escola deportiva

“Volvemos asistir ao habitual atraso no pago das becas comedor do curso anterior” sinala Ana Cedeira, “e nun concello como o de Arteixo que conta cun orzamento de preto de 70 millóns de euros, cun baixo grado de  execución e no que nos podemos permitir que un deportista individual da Coruña reciba 50.000 euros de subvención nominal sen ter ao seu cargo unha escola deportiva, parécenos moi grave que algún neno ou nena poda quedar sen acceso a ditas becas tendo dereito a elas”. 

O Partido Popular de Arteixo ten que cambiar o actual sistema de becas para comedores escolares

Para os socialistas non hai escusa para un cambio no sistema  e poñen os exemplos da administración autonómica, no caso das axudas dos libros escolares, ou concellos como o de Vigo, que teñen un procedemento para estas axudas no que “os beneficiarios reciben un talón co que facer fronte a dito custe e non ter que abonar os gastos previamente”, polo que instan ao goberno do Partido Popular de Arteixo a cambiar o actual sistema de becas para comedores escolares co fin de que os solicitantes con dereito a elas reciban un talón comedor co que pagar o custe do servizo ás ANPAS ou ás empresas de xestión “para que ningún neno ou nena quede sen unha comida digna e saudable nos nosos comedores escolares”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario