A Xunta de Galicia volverá colaborar coa Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (Acimta) para impulsar o Mercado de Petiscos de Nadal, que se celebrará o 23 de decembro.
Así llo comunicou hoxe o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, ao presidente da entidade, Miguel Pavón, no transcurso dunha reunión para abordar a cooperación deste ano. A Xunta xa apoiou a anterior edición desta iniciativa, que congregou postos de venda con produtos da Ribeira Sacra, actuacións culturais e outras actividades.
Arias destacou o impulso da Administración autonómica ás accións que dinamizan economicamente os concellos, como este mercado ou o I Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, que tamén promoveu a Acimta este ano coa colaboración da Xunta.