Os populares cren que «o goberno local ten que adoptar as medidas necesarias para que o matadoiro de Sarria sexa competitivo e viable e recuperar os usuarios que optaron por facer uso doutros matadoiros»
O Grupo do PP de Sarria condena que “a única medida que propoña o alcalde en relación ao matadoiro municipal sexa a subida de taxas” porque consideran que “o prioritario é aclarar a situación” e “determinar o déficit real”.
A portavoz, Carmen José López, sinala que “antes de adoptar calquera medida entorno, o que ten que facer o alcalde é chegar ao fondo do asunto e saber por que hai un burato de 176.000 euros nas contas do matadoiro municipal”. Así mesmo, engade que “agora mesmo non procede abordar unha posible subida das taxas” porque “entendemos que as contas que se poidan facer estarían desvirtuadas polo burato na recadación de ingresos”.
A popular incide en que “a xestión do goberno local neste asunto é caótica, un descontrol absoluto” froito da “falta de xestión e rigor, avalado polo alcalde que estaba advertido dende o 2022”.
“O goberno local debe adoptar as medidas necesarias para que o matadoiro municipal de Sarria sexa competitivo e, polo tanto, sexa viable e se garanta a súa continuidade. Hai que traballar para recuperar os usuarios que marcharon facer uso deste servizo a outros lugares”, segundo subliñan os populares, que tamén propoñen introducir melloras no servizo.