A taxa de desemprego na provincia diminúe ata o 10,11%, por debaixo dos niveis previos á pandemia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá xunto co presidente do Club Financeiro Santiago, Roberto Pereira Costa, e as profesoras da USC María Bastida e Maite Cancelo, no acto de presentación do Informe de Conxuntura Económica (ICE), editado polo club santiagués, co patrocinio da entidade provincial, no que ser realiza unha radiografía completa da realidade económica da provincia coruñesa, tanto a nivel comarcal como municipal.
O informe foi elaborado por un equipo investigador composto por cinco expertos economistas e profesores da Universidade de Santiago de Compostela. David Rodríguez, Emilia Vázquez e Maite Cancelo, profesores de Economía Cuantitativa; María Bastida, profesora de Organización de Empresas e Comercialización e Miguel Ángel Vázquez Taín, profesor de Facenda Pública e Sistemas Fiscais.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que o ICE realiza “unha radiografía da realidade socioeconómica da provincia” e destacou que os indicadores avalan que a provincia coruñesa “segue sendo o motor económico de Galicia, ao concentrar o 44% do PIB galego e o 50% das exportacións”.
Formoso subliñou tamén que o Informe analiza tamén “a situación das diferentes comarcas na súa diversidade” e supón “unha análise da situación socioeconómica da provincia que nos vale tamén como ferramenta de traballo para orientar as nosa acción de goberno”.
Pola súa banda, Roberto Pereira, destacou que esta é a sexta edición do ICE “unha radiografía das comarcas e concellos da provincia” cuxos datos son abertos e dispoñibles ao público e permiten “a comparabilidade da información e comprobar a evolución dos datos ao longo dos anos”.
Pereira agradeceu a colaboración da Deputación e Universidade de Santiago de Compostela para a elaboración do estudo.
O documento estrutúrase en cinco bloques: territorio e recursos naturais (núcleos de poboación, densidade, catastro…), poboación (movementos migratorios, condicións de vida…), mercado de traballo (paro, contratacións, pensións…), estrutura produtiva (PIB, sectores produtivos, demografía empresarial…) e sector público (facendas locais, gastos e ingresos municipais…).
A Coruña concentra o 42% da poboación galega
A provincia da Coruña caracterízase pola súa extensa superficie, que abarca case un 27 % do territorio galego. En 2022, concentrou preto do 42 % da poboación da comunidade. Durante a última década, experimentou un incremento demográfico coa aparición de 48 novos núcleos de poboación, sendo Betanzos e Eume as comarcas con maior crecemento. Con todo, rexistráronse perdas en Ferrol e Bergantiños.
A densidade de poboación é notablemente superior á media galega.
En canto ao catastro, a superficie catastral rústica mantívose relativamente constante, representaba máis do 26 % da superficie total de Galicia. Por outra banda, o catastro urbano experimentou un aumento do 2,5 % en 2022, aínda que por baixo da media galega. As comarcas de Santiago e A Coruña sobresaíron por ter valores catastrais elevados por unidade urbana en comparación con outras comarcas.
En resumo, A Coruña é unha provincia que combina unha gran extensión territorial cunha densidade de poboación significativa.
Continúa o envellecemento progresivo da poboación
En 2022, a provincia coruñesa albergaba ao 42 % da poboación total da comunidade, con 1.119.180 habitantes. A cidade da Coruña tiña a maior concentración de poboación, que representaba o 36,3 % do total, seguida por Santiago (15,2 %) e Ferrol (13,5 %). Con todo, observouse unha lixeira diminución, tanto a nivel rexional como provincial, que se sumou á perda acumulada desde 2010: un total de 107.189 habitantes en Galicia e 27.278 na Coruña. En termos de idades, continuou o envellecemento progresivo da poboación, cun 26 % de persoas maiores de 64 anos.
Ademais, en 2022 rexistrouse un saldo vexetativo negativo, con máis defuncións que nacementos. En Galicia perdéronse 20.489 persoas e na provincia da Coruña 7.817. En canto aos saldos migratorios, en 2021 foron positivos a nivel provincial e rexional, cun aumento na inmigración en comparación con 2010. Con todo, algunhas comarcas experimentaron unha diminución no valor dos seus saldos migratorios respecto ao ano anterior, aínda que na súa maioría seguían sendo positivos.
A Coruña, papel crucial na economía galega
O produto interno bruto (PIB) de Galicia rexistrou unha taxa de crecemento media anual do 0,9 % entre 2010 e 2022. Os datos máis recentes mostraron unha subida interanual do 3,2 % no PIB de Galicia no segundo trimestre de 2023, que probablemente tamén se reflectiu a nivel provincial.
En 2022, o sector servizos foi o principal contribuínte ao valor engadido bruto (VAB) de Galicia, co 72 %. A industria representou o 17 %, seguida da construción (6 %) e o sector primario (5 %).
No segundo trimestre de 2023, o sector de agricultura, gandería, silvicultura e pesca contribuíu cun 4,6 % ao PIB de Galicia, cun crecemento interanual do 10,7 % no seu VAB e un incremento do 7,5 % nos postos de traballo neste sector. En 2022, o VAB deste sector aumentou un 10,4 %.
Crecemento das exportacións
O sector de sociedades mercantís fundadas tamén experimentou un descenso en 2022, cunha taxa negativa do 7 % na Coruña. Constituíronse 1.586 sociedades mercantís, estas supuxeron o 42 % do total de Galicia.
En canto ao comercio exterior, as exportacións galegas alcanzaron os 25.275 millóns de euros en 2022, A Coruña contribuíu nun 49,8 %, o que indicou unha recuperación máis forte nesta provincia en comparación con outras rexións galegas.
As exportacións dirixíronse principalmente a países europeos, con Francia como principal destino, seguido por Portugal.
A análise das exportacións mostrou que o sector da automoción e a confección de roupa de vestir representaban o 44 % das vendas totais, aínda que o seu peso diminuíu en comparación con anos anteriores. A provincia da Coruña experimentou un crecemento nas exportacións, especialmente no sector de refinerías do petróleo, que aumentou un 126 % e supuxo o 15,4 % das vendas coruñesas.
Recuperación do mercado laboral
A evolución do mercado laboral na provincia da Coruña no ano 2022 tivo dous grandes características: por unha banda, constatouse a recuperación dos efectos da pandemia da covid-19; por outra, detectouse con claridade a influencia da Real Decreto Lei 32/2021, que incluíu medidas urxentes para a reforma laboral e a estabilidade no emprego.
Así, o mercado laboral da provincia experimentou un crecemento neste ano, cun aumento na poboación activa e ocupada e unha diminución da taxa de desemprego ao 10,11 %, por baixo dos niveis previos á pandemia. Esta recuperación detectouse en todos os sectores, excepto agricultura e pesca, cos maiores incrementos na industria e servizos. Este último sector foi, precisamente, o que rexistrou a maioría das contratacións.
Observouse, tamén, un incremento significativo dos contratos indefinidos, co consecuente descenso na contratación temporal, limitada polo propio decreto.
Neste contexto, é necesario facer referencia ao notable aumento da participación de contratación fixa descontinua rexistrada este ano. Aínda que isto denotou unha mellora do mercado laboral, tanto en volume de ocupación como en calidade de emprego, deberá vixiarse esta evolución por se simplemente estase producindo un desprazamento do tipo ou concepto de temporalidade.
Finalmente, cabe destacar que ao longo de 2022 detectouse un descenso da afiliación no réxime de autónomos. Aínda que esta circunstancia puido estar relacionada co incremento de oportunidades laborais en emprego por conta allea, debe ser obxecto de análise e seguimento por se puidese estar a enmascarar maiores dificultades para emprender.
O Informe de Conxuntura Económica da provincia da Coruña conclúe que no transcurso de 2022 mostrouse unha mellora xeneralizada dos principais indicadores económicos, permitindo albiscar un lenta pero crecente recuperación tras superar a pandemia causada pola covid-19. Por exemplo, o dinamismo do mercado laboral, que reflectiu un aumento importante do volume de contratación e un descenso notorio da cifra de paro, suxire unha mellora da cifra de negocios a todos os niveis.
O equipo de investigadores propón unha serie de accións para que a provincia siga crecendo. A promoción da natalidade e retención de poboación coa implantación de políticas e programas específicos, atención á poboación envellecida, ampliación das áreas protexidas, apoio á diversificación empresarial, impulsar a formación e o acceso a recursos para as empresas locais, promover a redistribución do desenvolvemento económico, fomentar os sectores emerxentes, aproveitas o financiamento da Unión Europea e promocionar a cultura empresarial.