O CEMI dá continuidade ao frutífero traballo realizado durante 6 anos pola Unidade Mixta de Investigación Navantia-UDC 

por Redacción Galicia

A inquedanza de Navantia por acometer un profundo proceso de transformación dixital destinado a converter as instalacións da ría de Ferrol nun Estaleiro 4.0 (hoxe xa 5.0) –máis competitivo, eficiente, dixital e sustentable- motivaba en 2015 a posta en marcha da Unidade Mixta de Investigación (UMI) “Estaleiro do futuro” coa implicación da compañía pública, a Universidade da Coruña e a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación, GAIN. Un “sementeiro de talento” que constitúe a xénese do actual Centro Mixto de Investigación, CEMI, UDC-Navantia, iniciativa con novos e ambiciosos retos por diante.

Entón era a primeira vez que se emprendía unha iniciativa de transferencia de tecnoloxía de tal magnitude na institución académica cunha empresa punteira no ámbito internacional no sector naval como é Navantia. O obxectivo principal: desenvolver novas técnicas e tecnoloxías enfocadas ao aumento da competitividade do estaleiro ferrolán mediante a mellora dos procesos produtivos existentes e o desenvolvemento doutros novos, especialmente dirixidos para a súa aplicación nos programas en execución naquel momento.

A fórmula pronto demostrou a súa efectividade. A gran sintonía e fluidez amosada desde o principio entre a parte académica e industrial tivo moito que ver nos exitosos resultados cos que, seis anos despois da súa posta en marcha, a UMI chegaba ao seu final en 2021.

Ao longo deste período, estruturado en dúas etapas de tres anos (2015-2018 e 2018-2021), leváronse a cabo 16 liñas de investigación en tres áreas diferentes: optimización de procesos, integración de TICs e optimización do produto, ás que se dedicaron máis de 368.000 horas de traballo. Investíronse 4,8 millóns de euros e implicaron a un total de 154 investigadores, 42 deles de nova contratación. Más de 95 publicacións, catro teses de Doutoramento defendidas, outras sete en curso, máis de 50 presentacións en congresos, unha patente e un rexistro de software, cinco procedementos industriais, tres algoritmos, 10 modelos piloto e un premio de transferencia tecnolóxica son algunhas das cifras que forman parte do balance da UMI, que contou coa colaboración de once entidades alleas á propia UDC e Navantia, que engadiron tamén unha valiosa e importante achega.

O modelado e simulación de procesos no estaleiro e de eólica mariña; o observatorio de robótica e automatización; o proxecto “Tubo de peche”; o control estatístico de procesos; información en planta e realidade aumentada; o sistema integral de xestión da información; o proxecto de buque “sen cable”, a utilización de adhesivos na construción naval, o proxecto de operario asistido ou o xemelgo dixital son algunhas das actuacións iniciadas (e desenvolvidas) no marco da UMI.

Todos estes datos dan conta da magnitude dun proxecto que permitiu, entre outras cousas, consolidar a frutífera colaboración entre a Universidade da Coruña e Navantia e que agora, de novo co apoio do goberno galego, continúan sumando forzas para seguir avanzando no desenvolvemento e transformación tecnolóxica do estaleiro da ría a través do Centro Mixto de Investigación.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario