“Imos seguir denunciando o que realmente ocorre en Oleiros, como o personaxe se comeu á persoa e como despois de 40 anos no Concello pensa que todo é del e utiliza os recursos dos veciños e veciñas como un ditador e un cacique calquera”. Así se refería a voceira do Grupo Municipal Socialista en Oleiros, Carmen Acuña, ao ocorrido onte no pleno. O alcalde, Ángel García Seoane, non dubidou en expulsala da sesión para seguir impedindo que se falase do xeito “partidario, interesado, pouco democrático e pouco respectuoso” no que emprega os medios municipais, como a páxina web institucional.
O Alcalde ten moitas cousas que ocultar
Xa no pleno anterior, o alcalde impediu que se debateran os rogos e preguntas que se ían formular por parte dos socialistas, “e que non lle interesaban politicamente porque ten moitas cousas que ocultar”. No punto de rogos da sesión de onte, o grupo do PSdeG trasladou a petición de que os recursos públicos de difusión de información do Concello se utilicen axeitadamente e se prescinda neles das malas maneiras e as descualificacións aos adversarios para que deixen de obedecer só aos intereses políticos do rexedor.
Álgel García Seoane expulsa do Pleno a Carmen Acuña para evitar que siga defendendo ós veciños
Na súa intervención, o alcalde tratou de xustificar que no portal dixital do Concello se recolleran insultos aos concelleiros socialistas, alegando que se fixera en resposta a unha nota de prensa crítica coa súa xestión, polo que Carmen Acuña solicitou a palabra, por alusións, e puxo exemplos das súas maneiras pouco democrático. Foi entón cando o alcalde a expulsou para evitar que seguira falando.
Actitude despótica e caciquil” de García Seoane
A voceira explicou hoxe que feitos coma ese “non van amedrentar” ao seu grupo, que continuará combatendo la “actitude despótica e caciquil” de García Seoane. “Imos seguir dicindo a verdade”, comprometeuse.