Rueda enxalza o papel dos gandeiros á hora de consolidar Galicia como unha potencia leiteira que aposta pola excelencia e a produción sustentable
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe o papel dos gandeiros galegos á hora de “consolidar Galicia coma unha potencia leiteira” que aposta pola excelencia e a produción sustentable. Así o destacou durante a entrega dos VII Premios Exceleite en Santiago de Compostela, onde puxo en valor que o sector lácteo é “clave” para a Comunidade e un dos principais motores da economía no rural.
O presidente da Xunta agradeceu aos gandeiros o seu compromiso e traballo diario que fan que o sector lácteo galego sexa un referente a nivel internacional. “Grazas a vós o noso leite ten esa sona internacional tan ben gañada fóra de Galicia”, trasladoulles aos gañadores, ao tempo que puxo en valor a súa contribución á marca Galicia Calidade, da que lles asegurou que son uns “magníficos embaixadores”. “En moitos fogares cando se di leite leva sempre de apelido ‘galego’”, aseverou sobre o prestixio do sector da comunidade e da súa produción.
Galicia, comunidade na que máis medra a produción de leite
Nesta liña, Rueda salientou que Galicia é a comunidade na que máis medrou a produción de leite nos últimos catro anos, que xa concentra arredor do 42 % da produción de toda España e que as explotacións galegas son cada día máis competitivas. De feito, Galicia é a única de toda España na que aumentou o rendemento medio das granxas de todos os estratos de produción desde 2018.
Durante a súa intervención, Rueda fixo fincapé no apoio constante que a Xunta ofrece a este sector a través da Estratexia de dinamización do sector lácteo e xuntanzas con todos os elos da cadea para favorecer a estabilidade dos prezos do leite; con ferramentas para que os gandeiros melloren a xestión das súas explotacións, como a Contaláctea; con incentivos á mocidade para garantir a remuda xeracional no sector; ou activando as medidas sanitarias precisas e “rápidas” para actuar fronte a determinadas enfermidades do gando, como recentemente a da lingua azul.
Por tanto, Rueda animou o sector a seguir apostando pola modernización e sustentabilidade das explotacións gandeiras para garantir o mantemento da “excelencia” que caracteriza ao leite galego. “Ese é o camiño”, emprazoulles aos gandeiros, ao tempo que lles asegurou que forman parte da “identidade de Galicia”.
Catro categorías de Premios Exceleite
Os Premios Exceleite divídense nas catro categorías de gandería extensiva, semiextensiva, intensiva e ecolóxica, nas que foron distinguidos Rubén Domínguez Estraviz, GranxasCosteiro, Tallón Lobato, Beatriz López Fernández, Gandaría Sinesi, Casa Menor, Gandaría Leumas,Gandaría Guerra-Gavieiro, Rosa Bardanca Fraga, Casa de Rita, Gandaría Casa Landeira de Oa, Gandaría Celoiras, Concepción García Pereira, Marina Amado Aguiar, Carmen Barrán Santiso, Gandaría Revolta, Casa Martiño, Antonio Sufuentes Castro, Casa Codesal e Granxa Ecolóxica Figueroa.