Non existe un servizo de transporte que atenda as necesidades existentes, especialmente no caso das persoas maiores para cousas tan básicas como acudir ás consultas sanitarias
O Bloque Nacionalista Galego impulsara no Parlamento Galego a creación de un transporte á demanda na comarca dos Ancares. Esta medida inclúese dentro das enmendas que o BNG presentou aos orzamentos da Xunta para o exercicio do 2024.
A comarca dos Ancares caracterízase por unha gran dispersión da poboación, con tempos de desprazamento importantes. Para boa parte da xente da comarca ir ao centro de saúde ou as dependencias municipais esixe bastante tempo. Non existe un servizo de transporte que atenda as necesidades existentes, especialmente no caso das persoas maiores para cousas tan básicas como acudir ás consultas sanitarias. Isto constitúe unha clara discriminación para as persoas que viven no rural fronte ás que se poden beneficiar dun transporte público subvencionado nas zonas urbanas. O servizo prestaríano os taxis dos concellos e resultaría gratuíto para os usuarios.
Aseguran que este modelo está sendo habilitado en moitos concellos e permitiría que “calquera veciño que o precise poida desprazarse para ir ao médico ou a comprar”. Con esta proposta a veciñanza que o solicitara contaría cun transporte que faría unha ruta por todos os concellos da comarca.
A este respecto, a deputada no Parlamento Galego do BNG ,Olalla Rodil sinalou que “ implementar un servizo como este sería moi positivo para o sector do taxi da zona pero ademais daría un servizo que a veciñanza precisa”.
A deputada nacionalista quixo destacar que hoxe por hoxe hai moitas persoas maiores que non se poden desprazar para ir ao médico, a compra ou a farmacia e que dependen de terceiras persoas “con este modelo calquera veciño que o solicite terá un transporte para desprazarse para facer trámites do seu día a día”.
Olalla Rodil tamén destacou que o servizo de transporte a demanda é un servizo que funciona con éxito en concellos do resto do país. e que permitiría unha vertebración da comarca e unha mellora da mobilidade que melloraría de maneira importante as condicións de vida da veciñanza da comarca dos Ancares.