Borja San Ramón responde a Urtasun: “Non hai motivos para non reunirnos mañá mesmo”

O Coordinador Nacional de Podemos Galicia respondeu á interpelación do voceiro de Sumar urxindo a articular unha coalición: «Acabouse o tempo dos cheques en branco»

Borja San Ramón responde a interpelación en rolda de prensa que lle fixo o Voceiro de Sumar Ernest Urtasun en relación ao proceso de negociación que se está a desenvolver en Galicia de cara ás elección autonómicas. En canto ás verbas de Urtasun sobre que «non é momento de falar de cuotas», San Ramón contestou que «diriálle ao compañeiro Ernest que do que non é momento é de marear as galegas e galegos. Todos os votantes de esquerdas do país saben que é momento de armar unha coalición, e as coalicións implican acordos e porcentaxes. Isto sábeo perfectamente, porque el mesmo participou na negociación da coalición do 23-X.»

Para San Ramón, é unha «urxencia inaprazable pechar un acordo canto antes e comezar dende xa a traballar para un Goberno de cambio e progreso en Galicia». Neste senso, o Coordinador Nacional destacou que «remitimos a Movemento Sumar Galicia un acordo integral de máis de 10 folios que inclúen unha proposta electoral completa para poñer en marcha unha coalición, un programa de mínimos e unha campaña electoral, e levamos semanas sen recibir ningunha proposta. Podemos Galicia está disposto para sentarse á mesa hoxe mesmo, as galegas non poden esperar».  

O dirixente morado afirmou que «respecto que Movemento Sumar se constitúa como partido e faga un proceso de escoita, pero a súa axenda non pode dificultar un cambio de goberno na Xunta.» San Ramón insistiu en que «Rueda non vai esperar por ninguén, se acaso o contrario, canto máis se dilaten as negociacións da esquerda transformadora, máis osíxeno para o PP». Neste senso, o dirixente galego insistiu en que «non é razoable reperir o modelo das eleccións xerais ou das últimas eleccións andaluzas onde se esixa un cheque en branco para comezar a campaña electoral e despois pechemos os acordos políticos no último minuto. A cidadanía galega ten dereito a coñecer a forma final do proxecto para poder decidir o sentido do seu voto, ademais dos propios inscritos de Podemos Galicia, que terán que ratificalo co seu voto».

«Honestamente, non sei a que esperan para facer unha proposta ao noso documento. O meu teléfono esta dispoñible as 24 horas do día, estou disposto a sentarme con Urtasun ou con quien dispoñan se é o que queren. Galicia non se pode permitir que agardemos a que Rueda convoque eleccións para volver a chegar a un acordo».

Comparte éste artículo
No hay comentarios