Onte mantívose unha xuntanza no Consello Galego de Relacións Laborais na que os traballadores recibimos unha proposta dos representantes que alí acudiron en representación da Xunta de Galicia (Santiago Villanueva) e das catro deputacións.
A xuntanza resultou totalmente improdutiva, xa que a pesares da petición formulada pola parte traballadora, a patronal non quixo adiantar a súa proposta para que fora valorada con antelación á xuntanza, polo que ningún aspecto se puido analizar. Os traballadores seguimos sen coñecer os informes que, por non estar listos, foron empregados como argumentación para non acudir por parte das Administracións á reunión do pasado día 9 de outubro; desplante que desencadeou unha auténtica vaga de mobilizacións por parte dos traballadores. A petición dos sindicalistas, a patronal comprometeuse a remitir eses informes aos traballadores, pero amarrándose á posibilidade de enviar “resumos” dos mesmos. Pola súa parte, Santiago Villanueva solicitou que a representación sindical para as vindeiras reunións fora máis restritiva do que contempla a lexislación, a pesares de que os traballadores xa están acudindo cunha representación inferior ao que prevén os textos legais de referencia.
Ao remate da reunión, as partes acordaron que non se daría traslado do contido da proposta, a fin de evitar que se dificultara a negociación. Os representantes dos traballadores, lamentamos seriamente o xesto deshonesto da Consellería de Presidencia ao difundir unha nota de prensa, totalmente fora de lugar, rompendo o compromiso adquirido cos traballadores apenas unhas horas despois de asumilo, e con contidos trasladados a medias coa clara intención de recrear unha falsa realidade.
Respecto da proposta que a Xunta e as Deputacións trasladan aos traballadores dicir que ten matices moi diferentes aos que a Xunta, desde a Consellería de Presidencia trasladou aos medios. De feito, a proposta que poñen enriba da mesa (unha páxina) non contribúe en absoluto a resolver o problema da falta de persoal, (propoñen 1 traballador máis por parque cando son precisos 7 efectivos de media por centro de traballo, agás en Ribeira onde farían falla 13 máis), nin da regularización do horario, xa que a súa proposta de 1642 horas implica que se fagan a maiores 158 horas obrigatorias para seguir facendo o total de 1800 horas que temos a día de hoxe, nin por suposto se resolve o problema da retribucións, xa que como vimos poñendo enriba da mesa, o noso salario debería establecerse (como todo traballador da administración) a partir dunha valoración dos nosos postos de traballo, elaborada por unha empresa independente, e sen ningunha presión para variar o resultado por parte da administración, para non incorrer en prevaricación.
A proposta inclúe a equiparación salarial, que debería estar acometida dende 2010, co resto de condicións laborais que deberan homoxeneizarse por imperativo legal da Lei de Emerxencias e que as Administracións levan incumprindo sistematicamente dende entón.
Igualmente se fala de implantar os días de asuntos propios, que deberan ser de aplicación dende o momento do cambio a xestión directa (4,5 anos no caso de Lugo ou 4 no caso de Coruña, por exemplo), por ser xa unha condición intrínseca dos traballadores da administración.
Aínda con todo, esta parte trasladará as súas opinións respecto da proposta recibida hoxe nun escrito debidamente argumentado, tentando entender a folio recibido hoxe como un documento serio, xa que doutro xeito, o conflito quedará aberto ata que os xulgados teñan que pronunciarse en todos os aspectos que se demandan para a súa corrección.