O Comité de Folga do colectivo de Bombeiros Comarcais trasladan a súa resposta ás Administracións

por Redacción Galicia

A representación dos traballadores, ven de trasladar unha contestación escrita á proposta que Xunta e Deputacións lle presentaron o pasado día 5 no Consello Galego de Relacións Laborais.

En dito documento, os Sindicatos, valoran os breves contidos que propuñan desde as administracións responsables e que nada tiñan que ver coas medias verdades que difundiron (incumprindo o acordado entre as partes) desde a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia.

O documento da parte traballadora, analiza en 7 páxinas as impresións do Comité de Folga sobre a proposta recibida. Da resposta esgrímese que unicamente hai acordo nun dos 4 puntos que propoñen as administracións: o relativo ao permiso de asuntos propios.

Os outros 3 apartados son seriamente rebatidos, alegando referencias legais e cun rigoroso análise numérico. Pasamos a expor un resumo do contido.

REDUCIÓN HORARIA: A proposta que fai a Xunta (e que as Deputacións aceptan por válida) de reducir o horario a 1642 horas é algo carente de sentido, xa que por unha banda é o horario actual do persoal da administración (37,5 horas semanais). Por outra banda este horario será de implantación progresiva nos dous vindeiros anos en aplicación do pacto de goberno entre PSOE e SUMAR para toda a cidadanía (mantendo as retribucións intactas). E para máis inri agárdese que no mesmo prazo a xornada do persoal da administración pase a ser de 35 horas semanais (1533h/ano). É dicir: non habendo acordo entre as partes, o horario de 1642 horas anuais será a peor dos escenarios no que esteamos os bombeiros dentro de pouco, por imposición das novas xornadas laborais desde o ámbito estatal.

AUMENTO DAS RETRIBUCIÓNS: O que obvia a Xunta na súa nota de prensa é que a súa proposta contempla que os traballadores asumamos 158h extraordinarias a maiores e pretende que un bombeiro cubra esas horas por un valor medio de 2220€ brutos (1300€ líquidos máis por un mes extra de traballo). É dicir: cada hora extraordinaria bruta dun bombeiro en horario de atención de emerxencias sería de 14,05€. Non hai por tanto ningún incremento salarial. O único que están a ofrecer é facer máis horas extraordinarias pero cobrándoas incluso por debaixo do valor da hora ordinaria.

Segundo o propio documento da Xunta, o salario medio dun bombeiro é de 23280,05€, o que supón que con unha xornada anual de 1642 horas, o valor bruto da hora ordinaria é de 14,18€. Pero estamos a falar de valores medios. No caso dos bombeiros do Consorcio de Ourense, o valor da hora ordinaria sería de 14,64€ e valor da hora extraordinaria (nesa proposta de asumir 158 horas a maiores), sería de 9,25€, algo totalmente ilegal.

Por tanto non están a falar de aumentar o salario, senón de que o traballador asuma maior carga horaria da que lle corresponde, cobrando ese exceso de horas a un valor de ata un 50% por debaixo do valor da hora ordinaria.

INCREMENTO DE PERSOAL. Se desde a Xunta pretenden que os traballadores fagan máis horas, é polo sinxelo motivo de que non admiten a falta de persoal a día de hoxe e pretenden que sigamos a facer un horario por riba da nosa xornada anual, para suplir esa falta de persoal. Lonxe da nosa proposta para

garantir a seguridade dos equipos de intervención en emerxencia con 4 ou 5 efectivos por quenda, o que implicaría unha contratación mínima de 7 ou 8 bombeiros por parque, na proposta da Administración propoñen 1 efectivo máis por cada centro de traballo.

Por último, o Comité de Folga traslada unha proposta progresiva da redución de carga horaria ao tempo que propón un aumento do número de efectivos por parque ata acadar unhas dotacións de persoal básicas que permitan blindar os servizos mínimos que a cidadanía precisa. A proposta non aborda a masa salarial, vinculando a mesma a unha primeira valoración axeitada dos postos de traballo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario