O PP de Sarria insta ao alcalde a negociar co Goberno de España condicións que favorezan o desenvolvemento da ampliación do polígono do Morelle

por Redacción Lugo

Os populares denuncian que «a parálise do goberno local ante o bloqueo da segunda fase do polígono do Morelle provoca que as empresas se vexan obrigadas a marchar de Sarria»

O Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria urxe ao goberno local a “actuar de inmediato para que as empresas non teñan que marcharse do municipio por falta de solo industrial”. Concretamente, instan ao alcalde a negociar condicións asumibles para asentar empresas no polígono do Morelle cos responsables do SEPES (Entidad Pública Empresarial de Suelo), a entidade propietaria do solo industrial e encargada de executar a segunda fase do polígono que depende do Goberno de España”.

A voceira, Carmen José López, sinala que as condicións que fixou o SEPES e que o alcalde aceptou son absolutamente inasumibles para o desenvolvemento de industria en Sarria, tal e como se ten posto de manifesto polo sector empresarial de forma reiterada. “Actualmente o prezo (70 €/m2) é inasumible e desorbitado con respecto aos polígono do resto da provincia” e dificulta “a atracción de empresas coas que fixar industria e postos de traballo en Sarria”. Nese sentido, considera que “Sarria non pode seguir atascada industrialmente porque o SEPES queira enriquecerse, á vista dunhas condicións para a adquisición de solo absolutamente fóra da realidade e do mercado” que “imposibilitan que os empresarios reserven, un mínimo do 50% do terreo dispoñible, que era a condición establecida no seu momento para iniciar as obras de urbanización da segunda fase do polígono”.

Os populares lamentan que “mentres outros municipios fan un esforzo activo para atraer empresas, en Sarria estamos vendo con impotencia como algunhas se vén obrigadas a marchar por falta de espazo no que ampliar as súas instalacións e outras teñen que escoller outras ubicacións para implantarse a pesar de que Sarria sempre teña sido unha vila especialmente emprendedora”.

“Agora que hai novo Goberno é o momento de retomar este tema fundamental para Sarria”, apunta Carmen José López, tendo en conta especialmente “as orixes sarriás do novo ministro de Transportes e a boa relación co alcalde que incluso o convidou a dar pregón nas festas de San Xoán do ano pasado”.

“O propio Garrido se apresurou a felicitar publicamente a Óscar Puente polo seu nomeamento presumindo, incluso, de ter fío directo cun membro do Goberno central” e, polo tanto, dende o Grupo Municipal Popular convídano a facer valer esa boa relación reclamándolle ao responsable de Transportes y Movilidad Sostenible “unhas condicións que fagan posible a segunda fase do polígono do Morelle”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario