Sumar Galicia comprométese a “rematar coa precariedade das enfermeiras na sanidade pública galega”

por Redacción Galicia

O portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López reuniuse na mañá deste xoves con representantes das Enfermeiras Eventuais en Loita. Estivo acompañado do exalcalde de Ferrol, Jorge Suárez e doutros membros da comisión promotora da formación. Un encontro enmarcado no proceso de escoita que a formación está levando a cabo por todo o país co obxectivo “de goberna Galicia” e “rematar coas políticas de recortes e precariedade que representa o PP de Feijóo e Rueda”

Sumar Galicia mantivo na mañá deste xoves un encontro co colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita, que enmarca dentro do seu proceso de escoita de cara ás próximas eleccións galegas. O portavoz da formación, Paulo Carlos López, destacou “o orgullo de estar coas Enfermeiras Eventuais en Loita, un colectivo que vén poñendo o foco dende hai anos nun dos puntos máis febles do nosos sistema sanitario, como é a enorme precariedade na que viven máis do 50% do persoal de enfermería”.

López subliñou que se trata dun persoal feminizado, “composto na súa inmensa maioría por mulleres ás que se lle negan os dereitos laborais máis básicos, sen posibilidade de conciliación de ningún tipo”. O portavoz comprometeuse a incorporar as súas demandas ao programa electoral de Sumar Galicia, cumprindo así a vontade da formación de presentar á sociedade galega un proxecto de país participativo e pensado para mellorar a vida das galegas e galegos.

As enfermeiras eventuais son maiormente mulleres que poden chegar a asinar “máis de 300 contratos en cinco anos”, algo incomprensible a ollos do portavoz da formación, pois “sen elas o noso sistema de saúde non podería funcionar, algo que o señor Rueda e o señor Comesaña non queren entender”. As enfermeiras eventuais representan, para Sumar Galicia, “a dignidade da Sanidade Pública”, en contraposición ás “políticas de recorte e privatización dun señor Rueda que se atreve a mentir descaradamente cando di que Galicia é das comunidades con menos listas de agarda”. “Isto é falso”, afirmou López, pois “calquera galego ou galega que acode a pedir unha cita, que vai a Urxencias ou á Atención Primaria sabe que isto non é así”.

López denunciou “as políticas privatizadoras do Partido Popular” que, dixo, “non só están a negar os dereitos destas traballadoras imprescindibles, senón que vulneran o dereito a unha boa calidade asistencial de todos os galegos e galegas”. O portavoz comprometeuse a traballar dende a Xunta “para mudar esta realidade con políticas públicas valentes e eficaces que melloren a sanidade galega e a vida das súas traballadoras”.

Comparte éste artículo
1 Comment